2018 chega a Ourense como “o cuarto ano consecutivo sen orzamento na cidade”
29 Decembro, 2017
0
• Tras case 1.000 días de goberno, o equipo de Jesús Vázquez falsea a realidade para agochar unha cidade paralizada.
• PP, DO e PSOE priorizan dotarse de máis asesores para a campaña 2019, namentres a cidade continúa coas contas de 2014.
• A Coruña aprobou hoxe o terceiro orzamento municipal desde que goberna a Marea Atlántica.

    Ourense en Común calificaba hoxe de “vergoña” que “empece outro ano sen que a cidade conte con orzamentos”, e denuncia que os tres grupos maioritarios “pensen só no seu propio persoal namentres a cidade está paralizada”.

    Ourense continúa co mesmo orzamento aprobado para 2014, do que o 40% dos fondos están sendo “desviados ao antollo do Partido Popular, a golpe de decreto” do alcalde, en moitos casos “en contra dos informes de intervención”, e co único fin de “salvar os números vermellos derivados da ineptitude deste equipo de goberno”, poñendo como exemplo o burato” nas áreas sociais do Concello orixinado por Sofía Godoy.

    O grupo incide na visión de Jesús Vázquez e os seus edís como “a peor alcaldía da historia deste Concello”, que “mantén a cidade paralizada namentres aparenta unha falsa normalidade apoiándose na enxeñería contable co diñeiro de todos os ourensáns, e co soporte dos seus socios de partido na Xunta e a Deputación”.

    Martiño X. Vázquez, voceiro do grupo, lamenta que Ourense viva nunha progresiva ruína” e tacha de irresponsables” a Democracia Ourensana e o Grupo Socialista, por “priorizar o seu propio beneficio” en referencia á modificación de gasto en persoal “promovido por DO, consentido polo goberno e aproveitado polo PSOE”.