financiamento
Ourense en Común supera xa o 50 por cento do obxectivo marcado de doazóns
6 Maio, 2015
0

Un dos obxectivos de Ourense en Común, facer unha campaña baseada unicamente nun financiamento colaborativo, sen dependencia algunha que poida deturpar o noso labor dentro e fóra do Concello, vai vento en popa.

Cando aínda faltan once días para que remate o prazo da campaña de achegas a Ourense en Común acadamos xa 1.540 euros, o 61 por cento do obxectivo marcado de sementes, 2.500 euros. Isto é grazas á colaboración desinteresada de, a día 6 de maio, trinta e dúas mecenas.

Con respecto aos microcréditos, a outra fórmula que empregamos para afrontar os nosos gastos de campaña, a porcentaxe é aínda maior xa que dispoñemos arestora de 1.900 euros, o 63 por cento dos 3.000 euros que nos puxemos como límite. Ata o de agora dez persoas fixérono posible.

Transparencia, coherencia e ética é isto. Non depender de créditos bancarios para financiar a nosa austera campaña política, que comeza o venres. Tampouco permitimos doazóns de empresas nin de particulares que condicionen a nosa independencia. Non só hai que dicilo, nós facemos o que predicamos. Ourense en Común só rende conta ás veciñas e veciños da cidade e cremos que soamente deben ser elas e eles, que coma nós cren que hai outro xeito posible de xestionar, os que nos ofrezan a súa axuda.

Sementando xuntas, recolleremos xuntas.

Imaxe de achegas, con sementes que permiten medrar este proxecto en común