A cesión da Casa da Maxia á Deputación, chea de irregularidades segundo os informes técnicos
8 Maio, 2018
0
• A intervención municipal apunta a criterios interpretativos “moi diverxentes, incluso contrarios á cesión”.
• Ourense en Común foi o único grupo que presentou alegacións á cesión, en abril de 2017.
• Co Museo dos Bolechas suprimiríase a ludoteca e outros servizos necesarios para a cidade, que ademais perdería un inmoble de máis de medio millón de euros.

    Ourense en Común coñecía esta mañá en Xunta de área, o informe de intervención que devolve ao servizo de Urbanismo o expediente sobre a cesión da Casa da Maxia á Deputación, por basearse en “criterios interpretativos moi diverxentes, incluso contrarios á cesión”, e vulnerarse a Orde do 25 de febreiro de 1982, no que respecta ao exercicio das funcións do persoal, e mesmo a RPT do Concello, ao non incluír o correspondente informe do Xefe de Servizo de Planeamento e Xestión Urbanística, un trámite “esencial” en este tipo de expedientes.

    Como xa o fixera cando trascendeu a intención do goberno do Concello de “agasallar” á Deputación con este inmoble, Ourense en Común denuncia a “patrimonialización que o Partido Popular fai do público, xogando ao intercambio de cromos cun ben de todas, coma se fose de seu” e advirte do detrimento que para as veciñas e veciños de Ourense supoñería a perda dun edificio valorado en máis de medio millón de euros, e que ademais “presta actualmente un servizo fundamental de conciliación familiar e o desenvolvemento asociativo”.

    Ourense en Común sinala ademais á axenda oculta coa que se tramitou a cesión, en segredo desde agosto de 2015, anunciada en novembro de 2016, e a cuxo expediente “non se nos deu acceso ao expediente ata meses despois”. Un expediente que, como agora apunta a Intervención Municipal, é irregular.

    Ourense en Común, acolléndose ao Regulamento de Bens das Entidades Locais, seguirá defendendo que “por ser un ben público que presta un servizo público, esta cesión debera ser resolta pola corporación, e co voto favorable da maioría absoluta dos membros”.