A fiscalía admite a trámite a denuncia de Ourense en Común polo posible fraude na xestión do Matadoiro Municipal
14 Xuño, 2018
0
• Só no ano 2015, a concesionaria puido agochar seis mil cabezas de gando no pago de tasas ao Concello.
• Ourense en Común sospeita de que esta práctica sexa “continuada no tempo durante os últimos anos”.
• O Concello está sendo un “colaborador necesario” no fraude por “poñer trabas e paralizar a investigación”.

    A denuncia sobre o presunto fraude na xestión do Matadoiro Municipal cursada por Ourense en Común perante a fiscalía hai un mes, foi admitida a trámite. A edil Montserrat Valencia, achegaba esta mañá á fiscalía nova documentación que se requiriu ao grupo para complementar a denuncia e avanzar no proceso, que sigue adiante.

    O grupo vén denunciando desde marzo de 2016 os desaxustes entre os datos de control sanitario e os partes entregados ao concello pola xerencia do Matadoiro Municipal, e as incongruencias nas liquidacións das taxas que a concesionaria paga como canon ao Concello.

    En marzo de 2016 constituíase unha comisión de investigación no Concello, na que desde entón, denuncian, “todo foron trabas”. Tiveron que recorrer á valedora do pobo, á delegación de Sanidade e ao Parlamento para conseguir a documentación que a investigación precisaba, e “o goberno non foi quen de facilitar, paralizando ademais a comisión, sen convocarse desde xullo de 2017”.

    Como xa denunciou o concelleiro Miguel Doval en incontables ocasións, a Concellería de Comercio está sendo un “colaborador necesario nun fraude que podería ser continuado no tempo”, e advirte que malia ao remate da concesión, “non remata o fraude, as responsabilidades destas circunstancias seguirán aí ata que se esclarezan”.

    O grupo celebra que a fiscalía avance na investigación, para arroxar luz no referente aos partes de cabezas de gando emitidos pola empresa, que cotexados cos do libro de control sanitario de sacrificio da Consellería de Sanidade, revelan “desfases de perto de 3000 cordeiros, 2000 cabritos e máis dun cento de tenreiros, entre oitenta e cen toneladas de carne non declarada só no ano 2015”.