A medición da calidade do aire de Ourense é insuficiente
18 Outubro, 2017
0
• Jesús Vázquez “oculta e maquilla” os datos dunha atmosfera que triplicou o pasado luns o limiar para a necesaria protección da saúde humana.
• A praza de abastos provisional fará inservibles as métricas da estación ubicada na Alameda.
• Ourense aínda non conta cun Plan de Emerxencias Municipal, obrigatorio desde hai dez anos en municipios de máis de 20.000 habitantes.

    Despois de denunciar o luns o apagón” dos datos da calidade do aire de Ourense na web municipal, Ourense en Común acusaba hoxe ao alcalde de “maquillar a información con índices anuais, e poñer en risco a saúde dos ourensáns namentres el respiraba o aire de Madrid”, e avanzan que pedirán ao goberno toda a información en referencia á xestión e o mantemento da Estación Urbana de Fondo para a medición da calidade do aire, ubicada na Alameda, especialmente os partes do mantemento e revisións da estación, que “teñen que facerse cada 15 días, baixo sanción de entre 750 e 1500 euros se faltou algún”.

    Ourense en Común denuncia que o Concello “non advertira dos riscos para a saúde humana da alarmante condición atmosférica do luns, remitindo a que Meteogalicia “alertaba claramente do alto índice de polución tomando os datos da estación da Xunta, que triplicaron durante varias horas o límite máximo recomendado pola Organización Mundial da Saúde”.

    O grupo cuestiona “por que cando empezou a evidente situación de alerta, os datos da estación do Concello deixaron de mostrarse, cando mide moitos máis parámetros que a da Xunta”, e sinala a torpeza do alcalde” de interpretar os datos baixo criterios de episodios anuais, cando o promedio en oito horas de partículas de diámetro inferior a diez micras (PM10) superouse ata o triple”.

    O grupo entende ademáis que debera haber máis monitorización nunha cidade como Ourense, xa que pola orografía da cidade e da contorna rurbana, “de ningún xeito dúas estacións son suficientes nin representativas da calidade do aire”, engadindo que a instalación provisional da praza de abastos na Alameda “afectará ás métricas e fará que a serie sexa inservible climáticamente”.

    Ourense en Común lembra que o goberno de Jesús Vázquez continúa “sen facer os deberes no caso de que se produza unha emerxencia” e insiste na urxencia dun Plan de Emerxencias Municipal (PEMU), obrigatorio en Concellos de máis de 20.000 habitantes, “que garanta a seguridade de todas as veciñas e veciños, que catalogue os medios e recursos dispoñibles para afrontar calquer posible sinistro, que analice riscos, determine medidas de prevención, estableza unha coordinación axustada entre os medios existentes, organice as funcións básicas para a protección civil e informe á cidadanía sobre as medidas de autoprotección.”