A mobilidade na cidade volverá ao pleno o próximo luns
5 Xaneiro, 2018
0
• Ourense en Común insta ao goberno a comprometerse nun pacto local que estableza o mellor modelo de cidade posible.
• O grupo defende unha cidade inclusiva e accesible, saudable e ecolóxica, sustentable, próxima, dinámica e segura.
• O Partido Popular mantén en precario o servizo de autobuses e graves deficiencias nas condicións de accesibilidade do espazo público.

    Ourense en Común retoma no primeiro pleno do ano o debate sobre a mobilidade no Concello “perante a impasibilidade do equipo de goberno” fronte aos “numerosos problemas que a cidade acusa no transporte, ou a accesibilidade”.

    Na moción, o grupo califica de “moi deficientes” as políticas de mobilidade desenvolvidas polo Partido Popular, e relata as “eternas eivas” de Ourense, referíndose ao transporte público “obsoleto e desconectado” da área metropolitana, ao abarrotamento de vehículos ás portas dos centros educativos, ou ás deficientes medidas para garantir a seguridade dos peóns.

    Ourense en Común mantén a liña que abrira xa ao principio do mandato, en xullo de 2015, cando unha iniciativa plenaria do grupo promoveu a creación da Mesa Municipal de Mobilidade, “malograda e frustrada” en 2016 polo goberno, que “adiou as convocatorias ata clausurar este necesario órgano”.

    Martiño X. Vázquez, apunta a que “desde 2015 non se ve compromiso real do goberno” para a implementación das propostas saídas do traballo responsable dunha chea de colectivos e persoas na Mesa da Mobilidade, e no novo intento iniciado en 2017 co nomeado “Móvete por Ourense”, “carente de recursos materiais e orzamentarios para dar froitos, e instrumentalizado en repetidas ocasións polo Partido Popular”.

    O voceiro do grupo, destaca a mobilidade como “cuestión estratéxica” e apela ao alcalde a entender dunha vez por todas a necesidade deconsensuar e comprometerse con políticas que incentiven a recuperación dun modelo de cidade máis humanizada, dinámica e respectuosa co medio”.