A pista de atletismo é incompatible coa actividade en Expourense
27 Setembro, 2017
0
•   As caídas e tropezos dos visitantes foron constantes en Termatalia, a primeira feira na que a instalación deportiva convivía coa actividade feiral.
•   Democracia Ourensana e o Partido Popular son os únicos responsables do sobrecuste de mantemento que suporá a instalación.
•   A Xunta “negociou” a adxudicación da obra de forma opaca, despois de anular o primeiro concurso alegando eivas técnicas na cubrición da pista.

    Rematada a feira Termatalia, a primeira na que convivían en Expourense a pista de atletismo e a actividade feiral, Ourense en Común denuncia os “problemas técnicos que fan á instalación deportiva, incompatible co recinto”.

    Coincidindo coa celebración da feira termal, Martiño X. Vázquez e Miguel Doval, edís de Ourense en Común, visitaron o pasado venres Expourense, presenciando como numerosos visitantes tropezaban e incluso caían debido ao deficiente sistema de cubrición da pista, que presenta graves irregularidades de execución e fai cuestionar a axeitada conservación do equipamento deportivo.

    Malia a estar a favor de que Ourense aloxe unha pista de atletismo cuberta, o grupo insiste, como xa fixera en pleno cando DO defendera a súa moción, en que “a pista debera terse implantado nun lugar diferente e autónomo, xa que en Expourense suporá un gasto elevadísimo do erario público para o seu mantemento e xa está interferindo nas actividades do recinto feiral”.

    O grupo responsabiliza a Democracia Ourensana e o Partido Popular de “cada euro de máis que se gaste na pista”,  polos problemas de desgaste, mantemento, montaxe e desmontaxe ou os danos persoais e laborais que poden chegar a darse en visitantes e traballadores no recinto.

    “A elección deste espazo, e a execución da obra, non cumpren coas condicións axeitadas para facer viable e compatible a convivencia de ambas instalacións”, declara o voceiro do grupo, que denuncia que “precisamente foi a protección da pista o motivo técnico que alegou a Xunta para anular o primeiro concurso para licitar a obra”, engadindo que o goberno de Núñez Feijoo “negociou” en segunda volta a adxudicación á Constructora San José S.A. baixo criterios opacos que non se fixeron públicos na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia”.