A Praza 1000 converterase en Praza Asunción González para visibilizar a lacra da violencia machista
22 Xullo, 2017
0
•    A moción de OUeC aprobada en abril comeza a feminizar o rueiro de Ourense.
•    A coñecida como “pobre Asunción” foi asasinada na Praza Maior de Ourense nun acto de odio machista durante as celebracións do venres santo de 1891.
•    As vítimas mortais por violencia de xénero no territorio español superan xa o milleiro no que levamos de século XXI.
•    O Concello ten pendente abrir un proceso participado para renomear outros espazos impersoais da cidade. (Prazas 100, 200, ou 500)

    Ourense en Común coñecía esta semana que o Centro de Información Municipal ás Mulleres (CIMM) e a Concellería de Cultura, traballan conxuntamente estes días para dar cumprimento ao segundo punto da moción do grupo aprobada no pasado mes de abril, para replantexar as nomenclaturas impersoais de algunhas prazas da cidade de Ourense (Praza 100, 200, 500 ou 1000), saldar “unha débeda históricae poñer en valor a “mulleres ourensás invisibles a ollos dunha sociedade que aínda hoxe limita o feminino”.

    A petición do grupo, a “praza 1000”, na contorna do I.E.S Xulio Prieto Nespereira (Sexto Instituto), pasará a chamarse proximamente “Praza Asunción González”, nunha “alegoría da vida”, como “homenaxe ás máis de 1.000  mulleres asasinadas no que vai de século”, e  como  “lembranza para todas e cada unha das vítimas da violencia de xénero”, explican desde o grupo. “Non somos quen de poder devolverlle a vida a Asunción, nin a ningunha das vítimas, pero si podemos xerar un símbolo que permita lembrar cada día a todas esas mulleres sometidas ao longo do tempo á violencia patriarcal.

    Asunción González (1871-1891), veciña de Ourense e de profesión costureira, foi a primeira vítima (documentada como tal) de violencia machista en Ourense. Juan González, veciño de Reza (e suposta ex-parella de Asunción), disparou contra a moza producíndolle feridas incompatibles coa vida durante os actos relixiosos do venres santo do 1891, na praza maior de Ourense.

    O asasinato de Asunción González causou un forte impacto na sociedade ourensá, e a súa familia quedou lastrada por este terrible episodio para sempre. Os seus restos, no cemiterio de San Francisco, visibilízanse cunha lápida que recolle o seguinte:  “¡¡Pobre Asunción!! Viernes Santo del 91”.

    A moción de Ourense en Común contaba ademáis con outro punto, pendente de executarse, no que o grupo instaba ao goberno a abrir un proceso de participación veciñal co obxectivo de recoller propostas de mulleres relevantes cos que renomear tamén as prazas 100, 200, ou 500, entendendo que “as propias veciñas son as súas lexítimas propietarias”.