Accións legais se en 24h o goberno non entrega o informe que valora a rebaixa do 20% do IBI
3 Outubro, 2017
0
•   A tres días da celebración do pleno, a concelleira do PP elude entregar á oposición o informe técnico que valora o impacto da rebaixa pactada con Democracia Ourensana.
•   Ana Morenza denegou copia do informe ata en dúas ocasións nos últimos 15 días e non asistía hoxe á Xunta de Área na que debería aportar dita documentación.
•   De non recibir o informe en 24 horas, OUeC acudirá á vía xudicial mediante un recurso especial de protección de dereitos fundamentais (Artigo 23.2 CE).

    Nin Ana Morenza nin Jorge Pumar, presidenta e vogal respectivamente da Xunta de Área de Facenda, Servizos Xerais, Turismo e Termalismo asistían esta mañá á xuntanza semanal desta área, un feito que levantaba as críticas de Ourense en Común.

    “Estas ausencias confirman a falta de compromiso do Partido Popular”, manifesta Martiño X. Vázquez, que explica que “é moi grave que se vaia a votar este venres a rebaixa do 20% no IBI” -pactada entre Partido Popular e Democracia Ourensana- “sen que a corporación tivera acceso ao  informe técnico que valora o impacto desa reforma na contabilidade municipal”.

    O devandito informe, negábase novamente hoxe, malia a ser solicitado en varias ocasións desde hai quince días, por Ourense en Común e o grupo socialista, tal e como aparece recollido nas actas das Xuntas de Área celebradas o 19 e 26 de setembro.

    O portavoz de Ourense en Común valora que Jesús Vázquez e o seu equipo de goberno “están vulnerando reiteradamente o Artigo 9 do Regulamento Orgánico do Concello de Ourense e o 23.2 da propia Constitución Española, e non o imos a tolerar“. Razón pola que hoxe presentaban por rexistro unha instancia dirixida á alcaldía, esixindo copia de do informe nun prazo de 24 horas. “Non imos tolerar a vulneración de dereitos aos representantes directos da cidadanía nunha institución democrática, e advertimos que en caso de non recibilo en 24 horas acudiremos á vía xudicial mediante un recurso especial de protección de dereitos fundamentais“.

    O grupo cuestiona se “é que este documento recolle por escrito algo que é necesario ocultar antes do pleno?“, e lembra que a propia concelleira Ana Morenza afirmou en xullo deste mesmo ano que dita reducción “provocaría o caos económico nesta cidade e implicaría, “a imposibilidade de ter axudas sociais de emerxencia, a desaparición da dependencia no programa de axuda a domicilio, a desaparición da beca por libros, das axudas para comedores, dos programas de conciliación familiar, das axudas para mulleres maltratadas, ou do plan de infancia...“.

    Estas afirmacións son para Martiño Xosé Vázquez “o suficientemente graves como para que dito informe sexa presentado aos grupos con anterioridade á votación en pleno“.