Advertiramos da necesidade de avaliar a resistencia do chan da Alameda “desde o inicio da obra. Chega moi tarde”
1 Febreiro, 2018
0
• Os 659.934 euros investidos na estrutura provisional poderían ter sido malgastados polo PP se a proba determina risco de colapso do chan.
• Flora Moure ignorou en sucesivas ocasións as advertencias de OUeC para garantir a seguridade.
• A comisión de seguimento da Praza de Abastos leva máis de medio ano sen ser convocada polo grupo de goberno.
• O traslado volve a dilatarse no tempo e podería poñer en risco subvención concedida ao Concello de Ourense para rehabilitar a Praza de Abastos nº1.
• Os praceiros aínda descoñecen a data do traslado e o espazo que lles vai corresponder.

    Ourense en Común denuncia que a xestión do goberno de Jesús Vázquez co traslado da Praza de Abastos á estrutura provisional da Alameda é “outro disparate dun equipo irresponsable e incompetente”, por agardar a ter a obra rematada para facer a proba de carga.

    Miguel Doval, edil de Ourense en Común, explica que “non é un capricho que veñamos insistindo nestas probas, é unha cuestión de seguridade cidadá que non se tivo en conta ata agora”, e remite ás actas das xuntas de área de comercio e da propia comisión de seguimento da praza, nas que “xa desde antes de comezar as obras se lle advertiu a Flora Moure sobre a necesidade de avaliar a resistencia do chan, e ignorouno sempre”.

    Doval defende que “hai suficientes motivos” para entender que é “indispensable avaliar rigorosamente a posibilidade dun colapso do chan por sobrecarga, por unha banda está o peso da propia estrutura, pero tamén o uso de vehículos no recinto para abastecer de mercadorías aos praceiros e pensemos no peso das cabezas de gando que comercializa un carniceiro, por exemplo”.

    Sobre os prazos na execución do traslado e da rehabilitación da Praza, Ourense en Común relata que “en marzo do ano pasado, falaban de que o traslado sería “inminente”, demoraron ata xullo o inicio da obra, que sería por catro meses e xa leva seis, e coa obra rematada danse conta da proba de carga”. O grupo quere confiar en “que non haxa unha intención do PP para dilatar no tempo todo o que xira ao redor da praza, aínda que o parece”. Doval conclúe que “chegan tarde a todo”, e advirte de que “esta parálise pode poñer en risco a subvención que a través do 1,5% cultural de Fomento tén concedida o Concello de Ourense para rehabilitar a Praza de Abastos nº1”.