Asistimos na Coruña ao encontro de movementos e iniciativas municipalistas “MAC3”
11 Outubro, 2017
0
• Os eixos de traballo abordarán temas que van dende a remunicipalización de servizos, a auditoría da débeda ou a participación cidadá, ata os centros sociais, o cooperativismo, ou o feminismo.
• 3O encontro reunirá a centos de persoas de todo o estado, e inclúe máis de vinte charlas, obradoiros e outras actividades.
• Martiño Xosé Vázquez, voceiro de OUeC, participará como poñente no debate “O municipalismo galego do cambio cara 2019”, que se celebrará o sábado pola tarde.

    A Coruña acolle, desde mañá ata o próximo domingo, a terceira entrega do MAC (Municipalismo, Autogoberno e Contrapoder), un encontro que en anos anteriores fixo parada en Málaga e Pamplona.

    Organizado pola Fundación de los Comunes e o Instituto DM, a cita comprende catro xornadas de traballo que inclúen doce talleres, once charlas e tres asembleas plenarias, no que será un encontro de movemento, de activistas de movementos, preocupados pola construción dun proceso político capaz de levar a onda de cambio máis aló dos límites da institución.

    O MAC3 servirá ademáis para facer balance da traxectoria das novas formas de facer política, tras dous anos de gobernos do cambio en cidades como A Coruña, Santiago de Compostela, Ferrol, Madrid, Barcelona, Zaragoza, Valencia, Badalona, Oviedo, Iruña e moitas outras.

    As edís de Ourense en Común, xunto a simpatizantes e integrantes do grupo municipalista ourensán, asistirán ás diferentes actividades programadas que articularán, nun traballo común, propostas concretas a levar a cabo en materia de sustenibilidade, urbanismo, economía, servizos públicos, democracia participativa, feminismo, auditoría cidadá da débeda, políticas culturais, ou xornalismo cidadán.

    O voceiro de Ourense en Común, Martiño Xosé Vázquez, participará como poñente na mesa programada para o sábado á tarde na Libraría Fiandón da Coruña baixo o título “O municipalismo galego do cambio cara 2019”, compartindo debate con Mariano Fdez. Cabarcos (Marea Atlántica), Pilar Candocia (Ames Novo), Oriana Méndez (Marea de Vigo), Álex Botello (Compostela Aberta), Noelia Pedreira (Betanzos) e Celia Fdez. Albariño (Ferrol en Común).

+ info en http://mac3.uno