Ángeles Faraldo

Posto 24 na candidatura de OUeC

angeles_faraldo

43 anos, traballadora da Farmacia do Hospital de Verín.

En prol do ben común.

 

Eu era unha cidadá responsábel, tranquila, confiada no suposto equilibrio entre as forzas neo-liberais e as de esquerda na configuración do mundo. Un mundo con tensións pero camiñando cara un futuro mellor para tódalas persoas que habitan nel. Entón chegaron a crise económica e os escándalos de corrupción que levaron a moitas de nós a replantexarnos a maneira de estar e participar. Xa non chegaba coa nosa aportación no activismo, no ecoloxismo ou nas ONGs. Había que dar un paso máis, había que facer política e tentar transformar a realidade dende os parámetros da xustiza social, o ecoloxismo e a sustentabilidade. Había que mudar as axendas da vella política e pór as necesidades da xente por riba de tódalas demais cuestións.

Por todo isto, dende o ano 2013, son militante do partido da esquerda rupturista Espazo Ecosocialista Galego e para estas eleccións municipais participo da candidatura de Ourense en Común convencida de que a unión das boas persoas, comprometidas, loitadoras e preparadas, máis aló dos resultados a curto plazo, é quen de representar a cidadanía polos seus intereses por riba dos particulares. Adiante polo Ben Común.

 

 

Deixa unha resposta