Regulamento

REGULAMENTO PARA UNHA CONSULTA ÁS PERSOAS ASINANTES DO MANIFESTO DE OUeC

Introdución

Ourense en Común (OUeC) é o espazo de confluencia da cidadanía de cara ás eleccións municipais de maio de 2015. Nel participa a cidadanía de Ourense, persoas dos movementos sociais e dos colectivos organizados politicamente que pretenden transformar a acción de goberno municipal, dándolle o protagonismo á xente da cidade.

 

Por que un regulamento da consulta?

Na procura da eficiencia, acoller o maior número de sensibilidades e recibir o apoio da sociedade comprometida co proxecto de OUeC. Como expresión desta vontade compartida, as persoas que forman OUeC desexan concorrer ás eleccións municipais cunha candidatura conxunta que sairá dun proceso mixto.

Nun primeiro paso elaboraremos unha lista de consenso, composta por 5 mulleres e 5 homes, en base a uns criterios previamente aprobados polo colectivo que garantan a lexitimidade e confianza de todas as persoas escollidas, así como a súa capacidade para traballar na institución municipal, sexa cal sexa a súa orde na lista. Nun segundo paso, esta lista de 10 persoas representativas do proxecto de OUeC, consensuada na Asemblea en Común, serán ordenadas finalmente polas persoas asinantes do manifesto inicial de OUeC que demostren ter vinculación directa con Ourense.

O regulamento responde aos seguintes principios:

  • Será de doada comprensión e transparente en todas as súas fases.
  • Reflectirá a pluralidade das persoas que integran OUeC.
  • Ofrecerá un trato igualitario e xusto para todas as persoas que participen no proceso.
  • Garantirá que a lista resultante do proceso sexa representativa de OUeC.
  • Establecerá un sistema de garantías axeitado que asegure o seu cumprimento.

 

1 QUEN ARBITRA O PROCESO? Xestión do proceso electoral

  1. A xestión do proceso electoral e todas as cuestións relacionadas con el, corresponden ao Comité Electoral.
  2. O comité electoral estará composto por cinco persoas. O equipo do comité será investido pola Asemblea en común. Respectarase en todo caso o criterio de paridade de xénero entre os membros do comité.
  3. Quedan excluídas del aquelas persoas que participen como aspirantes no proceso.
  4. As xuntanzas deste comité serán abertas a toda a cidadanía, que coñecerá con antelación dabondo as datas, horas e lugares onde se celebren. Así mesmo, as súas actas serán públicas e divulgaranse polos medios habituais de comunicación de OUeC.
  5. O Comité Electoral comprométese a que todas as persoas aspirantes reciban o mesmo grao de apoio, e a protexer e garantir a privacidade da información que se lles solicite.
  6. Será función do Comité Electoral velar polo cumprimento do calendario electoral e das normas presentes neste regulamento.
  7. O Comité será o encargado de interpretar este regulamento na resolución das posibles queixas, denuncias e irregularidades que se poidan dar durante o proceso de primarias, así como de interpretar os baleiros do presente regulamento.
  8. O comité electoral tomará as súas decisións de acordo ao mecanismo presente no documento que regula a estrutura interna de OUeC.
  9. O Comité Electoral poderá incorporar membros con voz pero sen voto que teñan perfil profesional legal, que o asesoren na interpretación do presente regulamento, así como na interpretación da lexislación vixente en materia de réxime electoral.
  10. Terá a encomenda de realizar o sorteo para a composición da mesa ou mesas electorais e de regular a aplicación telemática para o voto electrónico.
  11. A Asemblea en Común a proposta do Comité Electoral terá a capacidade para revogar ás persoas aspirantes que non cumpran o presente regulamento.
  12. Todos os acordos do Comité Electoral poderán ser impugnados pola Asemblea en Común.

2 QUEN PODE VOTAR? O censo electoral

  1. Poderán votar aquelas persoas que asinasen o manifesto inicial de OUeC, antes do 27 de marzo de 2015, e que demostren ter unha vinculación directa co Concello de Ourense.
  2. Para poder participar neste proceso, tanto presencial como telematicamente, deberase acreditar mediante documento identificativo: documento de identidade, tarxeta de identificación de estranxeiría ou pasaporte no momento de realizar a votación. Se nese documento non se recolle o vencello con Ourense, será necesario acreditar esa relación mediante un dos documentos seguintes: certificado de padrón, imposto de circulación do vehículo, IVI, contrato de alugueiro rexistrado en organismo público, matrícula de centros de estudos regrados ou facturas de subministración no Concello de Ourense, onde figuren a dirección postal de Ourense e o seu nome e apelidos.
  3. Os datos recollidos no censo serán incorporados e tratados nun ficheiro titularidade de OURENSE EN COMÚN, para o seu uso exclusivo no eido desta iniciativa de acordo co artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, de protección de datos de carácter persoal. Ningunha das candidaturas poderá empregar o censo para o seu proveito na campaña.

3 QUEN SE PODE PRESENTAR? Persoas aspirantes a formar parte da candidatura municipal.

  1. As persoas aspirantes ao anterior proceso, agás as que amosen a súa intención manifesta de abandonar o proceso.
  2. Cada persoa aspirante deberá asinar por escrito o compromiso de cumprimento e defensa do programa colaborativo, do código ético e dos principios e obxectivos de OUeC.
  3. No caso de que o número de persoas aspirantes non complete o mínimo de 27 ou non respecte o criterio de paridade de xénero, a lista sería completada pola Asemblea do Común a través dunha proposta do Comité Electoral, unha vez rematada a consulta. Estas persoas serán escollidas entre as participantes en OUeC de acordo ao criterio de paridade recollidos neste regulamento.
  4. Que criterios poden excluír a unha persoa para presentarse o proceso?
    As persoas aspirantes deberán presentar unha declaración xurada que acredite non atoparse en ningunha das seguintes situacións:
    – Ser representante nalgunha outra administración distinta do Concello de Ourense.
    – Formar parte de candidaturas distintas á de OUeC e que concorran ás eleccións municipais do mes de maio de 2015.
    – Estar imputada por delitos relacionados con subornos, prevaricación, tráfico de
    influencias, enriquecemento inxusto con recursos públicos ou privados e malversación e apropiación de fondos públicos, sexa por interese propio ou para favorecer a terceiras persoas.
    – Estar en situación de imputación xudicial por delitos de racismo, xenofobia, violencia de xénero, homofobia ou outros delitos ecolóxicos ou contra os dereitos humanos ou os dereitos das persoas traballadoras.
    – Non acumulará máis de 8 anos de actividade no Concello de Ourense. En ningún caso as persoas poderán xuntar máis de 8 anos de actividade no Concello de Ourense.
    -Ademais deberán cumprir aqueles criterios propostos polo grupo de traballo da lista de consenso e aprobados pola Asemblea.
    – En prol da igualdade entre as candidaturas ás primarias de OUeC, desde o momento en que se presente a candidatura e ate a celebración do proceso de consulta, as persoas candidatas non poderán participar como voceiras da iniciativa OUeC , nin en actos públicos relacionados a OUeC.

 

4 COMO SERÁ A CAMPAÑA ELECTORAL?

  1. As persoas candidatas disporán do 6 ao 10 de abril para a promoción da súa candidatura tal como se establece na proposta transaccional aprobada en asemblea o 30 de marzo de 2015.
  2. A Comisión Electoral, garantirá en todo caso, un espazo nos medios de comunicación de OUeC para cada unha das persoas aspirantes. A distribución destes espazos será en réxime de absoluta igualdade para cada persoa e en orde aleatoria. Cando menos os espazos postos a disposición das persoas candidatas serán: locais de uso público, páxina web, páxina de facebook, perfil de twitter, canle de vídeo, notas de prensa e lista de distribución de correo. Cada unha das persoas aspirantes estará representada por unha fotografía, un breve texto descritivo do seu perfil non superior aos 140 caracteres, e un texto maior de 500 caracteres onde poderá expresar a súa visión persoal e a motivación para ser merecedora do voto no proceso de primarias.
  3. O Comité Electoral desenvolverá unha campaña para animar á participación.
  4. Ningunha persoa candidata poderá promover unha campaña paralela, con medios diferentes aos dispostos por OUeC, en igualdade para o conxunto das persoas candidatas. Expresamente quedan prohibidos os orzamentos particulares das persoas candidatas para divulgar ou promover a súa candidatura. En ningún caso se permitirá o uso de materias propagandístico nin a publicidade pagada.
  5. As persoas candidatas comprométense a levar adiante unha campaña que se rexa polos principios fundacionais de OUeC: xenerosidade, lealdade, confianza, colaboración e transparencia.

 

5 CANDO E ONDE SE PODE VOTAR? Xornada Electoral

O Comité Electoral será responsable da convocatoria da xornada electoral. A votación poderase realizar por un dos dous procedementos escollidos, e segundo as posibilidades técnicas das que dispoña a organización, así en urna ou por medios electrónicos.

  1. Votación na mesa: desenvolverase ao longo do sábado 11 de abril de 2015, no local que a Comisión Electoral estableza. A urna abrirá ás 10:00h e pecharan ás 21:00h. Na mesa estarán as persoas do Comité Electoral, que terán a función mínima de presidencia, secretaría e vogalía. O local da votación será público e poderán permanecer nel calquera persoa interesada en ser observadora do proceso, identificándose previamente ante a persoa que presida a mesa electoral e sempre que non sexa unha persoa aspirante nin se entorpeza o desenvolvemento do proceso.
    O dereito de segredo ao voto estará garantido polos medios loxísticos necesarios.
    Os membros da mesa realizarán o escrutinio, que tamén será público para todas as persoas presentes no momento de pechar a votación.
  2. Votación electrónica: na medida das posibilidades técnicas das que dispoña o Comité Electoral, habilitarase un sistema de votación electrónica. Neste caso, ao igual que no voto en urna, será necesario que quede debidamente acreditada a identidade das electoras e o seu vínculo ao Concello de Ourense.
    A duración do período de votación electrónica, será o mesmo que o do voto na mesa. O código utilizado para o funcionamento deste sistema de voto debe ser necesariamente público para que se poida xulgar a súa seguridade, así como garantir o segredo de voto.

 

6 CAL SERÁ O SISTEMA DE VOTACIÓN?

  1. O sistema de voto escollido é o de ordenar as dez persoas que encabezarán a lista aprobada previamente pola Asemblea. Cada persoa deberá ordenar obrigatoriamente de primeira ao décimo as aspirantes. Os votos que non contemplen este requisito serán nulos. As persoas candidatas deberán ir en orde de preferencia numerados desde o 1 ata o 10. O sistema escollido para realizar o reconto desta lista de aspirantes será o Dowdall. (1 punto para a persoa en primeira posición, ½ para a que vaia en segunda posición a así sucesivamente ata 1/10 para a persoa que vaia na decima posición).
  2. As papeletas de votación incluirán os nomes e apelidos de todas as persoas candidatas ordenados alfabeticamente, a partir dos apelidos dunha das persoas aspirantes que sairá por sorteo. Nas papeletas de votación presentarase ao carón do nome e apelidos de cada persoa unha caixa e nela marcarase cun número a orden elixida para esa candidata.
    Tamén haberá unha caixa que corresponderá ao voto nulo\branco na papeleta.

 

7 COMO SE REALIZA O ESCRUTINIO E COMO SE PUBLICAN OS RESULTADOS?

  1. Unha vez rematada a votación, a persoa que presida a mesa electoral procederá á apertura de urna e ao reconto das papeletas co apoio dos membros da mesa.
  2. Realizarase o reconto da puntuación obtida polas persoas aspirantes co método Dowdall e ordenaranse de maior a menor.
  3. Rematado o escrutinio comunicaránselle os resultados ao Comité Electoral.
  4. O Comité Electoral procederá ao reconto dos votos recibidos por medios telemáticos e xuntaraos aos recibidos en cada mesa electoral. Finalmente redactará unha acta final de escrutinio.
  5. A acta de escrutinio seralle comunicada ao Grupo de traballo de Coordinación de OUeC, que a trasladará ao Grupo de traballo de Comunicación, que á súa vez, será o encargado de facela pública en todos os medios dispoñibles así como de transmitir o resultado ás persoas elixidas.

 

8 CONFECCIÓN DA CANDIDATURA

Inmediatamente finalizado e publicado o resultado do escrutinio, o Comité Electoral confeccionará a candidatura segundo os seguintes criterios:

  1. A persoas con maior número de votos na lista para encabezar a candidatura será a designada para ir no número 1 da candidatura de OUeC, nas vindeiras eleccións municipais do Concello de Ourense.
  2. A continuación aplicarase o criterio corrector para promover o equilibrio de representación por xénero. Establécese un sistema intercalado de cremalleira ao 50% de representación de cada un dos xéneros.
  3. Seguidamente serán designadas as 10 primeiras persoas que conformarán a candidatura, e que será completada coas persoas que irán do 11 ao 27 máis as 9 persoas suplentes, aprobadas anteriormente na Asemblea en Común.
  4. No caso de empate no número de votos a orde da listaxe resolverase por un sistema aleatorio realizado mediante sorteo.

 

9 RENUNCIAS E REVOGACIÓN DAS PERSOAS ELIXIDAS

No caso de que algunha das persoas elixidas renuncie ao seu posto antes de presentarse a candidatura no rexistro correspondente, este cubrirase segundo os criterios xerais establecidos no punto 8 deste regulamento.

 

10 REVOGACIÓN DAS PERSOAS ELIXIDAS

  1. No caso de detectarse algún tipo de irregularidade legal ou incompatibilidade co Código Ético de OUeC por parte dalgunha das persoas elixidas, estas poderán ser revogadas segundo o Código Ético:
    – O Comité Electoral poderá actuar de oficio se detecta algunha das irregularidades anteriormente descritas e promoverá á Asemblea en Común a revogación de calquera persoa membro da candidatura.
    – Calquera persoa que participase no proceso de primarias poderá facer chegar un escrito revogatorio á Comisión Electoral, para que o estude e no seu caso o teña en consideración.
    – A Comisión Electoral fará chegar á persoa revogada un comunicado no que se lle informe do inicio do proceso revogatorio.
    – A persoa revogada terá un prazo de 24h para responder e exercer defensa, no seu caso, fronte a súa revogación.
    – Pasado ese prazo de 24h o Comité Electoral levará á Asemblea en Común o recurso revogatorio.
  2. No caso de que algunha das persoas que integran a candidatura sexa finalmente revogada, a lista correrá e completarase segundo os criterios xerais establecidos no punto 8 deste regulamento.

 

11 PRESENTACIÓN DA CANDIDATURA

  1. Correspóndelle ao Comité Electoral nomear as persoas que serán as encargadas da obtención e custodia da documentación das persoas candidatas: declaracións asinadas e fotocopia lexible do DNI por ambas caras, así como a presentación en prazo e forma ante a xunta electoral competente.
  2. A candidatura de OUeC será presentada nun acto público que será anunciado en tempo e lugar con suficiente antelación.

 

CALENDARIO DO PROCESO

  • Aprobación das emendas ao regulamento: mércores 1 de abril de 2015.
  • Envío a rolda de correo das emendas ao regulamento e da listaxe de consenso de candidaturas: mércores 1 de abril de 2015.
  • Difusión mediática para a complementariedade dos datos por parte de asinantes do manifesto: do 2 ao 5 de abril.
  • Promoción das candidaturas en base á proposta transaccional: do 6 ao 10 de abril.
  • Habilitación e envío de documentación para o voto telemático: do 2 ao 8 de abril.
  • Testeo da base de datos por parte do Comité Electoral: 9 e 10 de abril.
  • Voto presencial e non presencial: sábado 11 de abril de 10 a 21 horas.
  • Publicación dos resultados: 12 de abril.
  • Período de reclamacións: luns 13 de abril.
  • Proclamación da candidatura definitiva: martes 14 abril.
  • Presentación pública da candidatura: 23 abril.

Deixa unha resposta