Cabeza de lista

Martiño Xosé Vázquez Mato

#BIO 
(1983) Arqueólogo, activista do procomún
logotwt logofb

 

Dende neno gostei do noso patrimonio pola profesión dos meus pais. Cursei a licenciatura en Historia pola Universidade de Vigo entre os anos 2002-2007 e nos derradeiros anos de carreira comecei xa a miña relación profesional coa arqueoloxía, que aínda segue a quitarme o sono. Dende o ano 2007, xa integrado no Laboratorio de Arqueoloxía da Universidade de Vigo, achegueime ao mundo da investigación. Doutoramento, posgraos, artigos científicos, máster, proxectos I+D, algunha que outra hora de docencia universitaria… E nisto aínda sigo, cunha pequena empresa de servizos culturais no ámbito da economía social.

Pero en paralelo a miña formación e profesión, considérome un activista do procomún. Primeiro na academia e logo na extitución. A perda de calidade democrática e o aumento nas desigualdades sociais obrigou despois a asumir un papel proactivo, para acadar a transformación dende dentro, tamén nas institucións. Por iso comecei a colaborar con Ourense en Común en 2015.

Fotografía: Ramses Torres

#HORIZONTE 2019

Candidato a cabeza de lista nas primarias de OUeC.

Ourense en Común xurde no ano 2015, ao tempo que centos de candidaturas municipalistas por todo o estado, combinando a urxencia da unidade popular de organizacións sociais e políticas co novo paradigma que supuxo o 15M. A  consciencia colectiva da  necesidade de artellar unha fronte ampla perante o retroceso en dereitos derivado da mal chamada crise económica, nunha suma de indignación, activistas e militantes, cristalizou nun proxecto político horizontal, aberto e transparente. Unha nova xeira na praxe política galega e ourensá que apostaba por un forte compromiso ético e por unha democracia directa na defensa da xustiza social, da igualdade de xénero e da sustentabilidade.

A diferencia do acontecido noutros lugares, dentro e fóra do país, os resultados electorais non foron suficientes para artellar unha maioría de cambio que puxera a institución local ao servizo das persoas. Porén si permitía abrir unha pequena fenda pola que evidenciar que outro tipo de políticas e outro tipo de goberno eran posibles tamén en Ourense.

Dende aquela primavera democrática de 2015 ata actualidade creáronse ferramentas dixitais para facilitar a participación directa no día a día das persoas electas, fomentáronse espazos autónomos e alternativos á institución e á estrutura clásica de partido-militante experimentando modelos máis líquidos, optimizáronse os regulamentos e documentos constituíntes para a conciliación entre unha estrutura asemblearia e a necesaria definición de postulados dun espazo político de ruptura. Exemplos estes que mostran que Ourense en Común fíxose maior e acadou un grao de madurez que permiten afrontar o horizonte de 2019 coa plena convicción de poder presentar un proxecto político plural, aberto, horizontal e transparente, pero tamén transversal, solvente e con plena capacidade de transformación social.

Preséntome a encabezar a lista de Ourense en Común no ano 2019 porque acredito plenamente neste espazo e nas persoas que participan do mesmo. Porque neste tempo, como portavoz do grupo municipal, tiven a sorte e a responsabilidade de comprobar como é posible practicar un liderado colectivo e democrático.

Afondar nos piares fundamentais de participación, transparencia e horizontalidade que fixeron emerxer este espazo debe ser un principio irrenunciable. Como irrenunciable ten ser tamén a autonomía dun proxecto político municipalista por definición. Sen esquecer por suposto o necesario diálogo permanente, colaborativo, en rede e en pé de igualdade con outros actores que defendan os mesmos principios e valores que Ourense en Común. Traballando no local para transformar o mundo. Un proxecto político plural, con vontade de sumar maiorías e con capacidade para gañar. Por un Ourense novo que mesture a experiencia coa xuventude e a sabedoría de quen leva décadas traballando en prol do ben común coa enerxía de quen quere cambialo todo.

Candidatura cabeza de lista