chamamentos
Ourense en Común solidarízase co pobo grego e apoia a concentración que terá lugar mañá sábado ás 20:30h na Praza Maior de Ourense
3 Xullo, 2015
0

A convocatoria da plataforma Stop Desafiuzamentos Ourense convida a toda a veciñanza a unha concentración crítica co tratamento que as institucións españolas, europeas e mundiais están dando ao referendo convocado polo goberno de Grecia.

OURENSE. 03/07/2015.- Ourense en Común entende que o goberno grego ten a lexitimidade democrática para defenderse das medidas de austeridade impostas pola troika e que teñen a Grecia sumida na miseria social. A Comisión Europea e o Eurogrupo tratan de ocultar o compoñente político que ten a situación de insolvencia de Grecia, para así presentar o conflito en termos puramente xurídicos. Con esta actitude non se recoñece o núcleo do problema europeo, que é a ausencia dunha vontade política cidadá común que poida lexitimar as accións de institucións transnacionais que afronten os problemas políticos europeos comúns.

A burocracia dirixente europea non comparece fronte aos electores e non pode asumir ningún tipo de responsabilidade democrática. Non hai un corpo electoral común que lexitime á Comisión Europea nin ao Eurogrupo, así como tampouco existen procedementos que permitan garantir dita responsabilidade. Esta situación provoca un baleiro de lexitimidade democrática que está sendo ocupado polas institucións financeiras privadas.

Son os banqueiros os que están decidindo acerca de cuestións fundamentais para o futuro de Europa.

O goberno Grego soamente pode asumir a súa responsabilidade da maneira que o está facendo, pois o resultado das últimas eleccións xerais da conta dunha cidadanía que se defende contra a austeridade imposta por institucións que non poden nin parecen querer asumir a súa responsabilidade democrática.