Defendemos no pleno a identidade e autonomía da Casa da Xuventude
3 Xullo, 2018
0
•    O Partido Popular na Xunta quere converter o espazo nun centro de iniciativas empresariais.
•    Desde os anos 70, a Casa da Xuventude foi exemplo e símbolo de creación cultural, tolerancia, democracia e participación.
•    Hai tres anos que o goberno municipal ten pendente dar cumprimento a un acordo plenario para a optimización na xestión do espazo.

    Ourense en Común e PSOE defenderán conxuntamente no pleno do próximo venres  unha moción que pretende frear a iniciativa da Dirección Xeral de Xuventude para transformar a Casa da Xuventude nun centro de iniciativas empresariais. Así é que segundo recollen na súa iniciativa, o Partido Popular “quere desmantelar definitivamente un símbolo de creación cultural, tolerancia, democracia e participación”.

    Ambos grupos concordan na necesidade de dar apoio aos proxectos e actividades profesionais e laborais desenvolvidas pola xuventude, compartindo que a loita contra o paro e a emigración xuvenil debe ser un dos grandes retos de Ourense, pero apuntan a que existen na cidade dependencias de titularidade autonómica que poderían prestar apoio e asistencia a emprendedores, sen modificar os usos da Casa da Xuventude nin frustrar a súa necesaria autonomía, engadindo que non se debe esquecer que o sector cultural é un motor de desenvolvemento e innovación tamén no eido económico e laboral”.

    Igualmente lembran que o goberno de Jesús Vázquez ten pendente dende “hai tres anos dar cumprimento a outra moción en defensa da Casa da Xuventude. Unha moción presentada polo Grupo Municipal Socialista e aprobada en pleno o 30 de xullo de 2015, para municipalizar a xestión do espazo, e recuperar o Consello de Xestión como modelo de goberno do centro; un modelo que durante décadas foi pioneiro, e permitía que os colectivos xuvenís foran ao mesmo tempo presidentes, directivas e socias dun verdadeiro espazo de democracia participativa onde medraron mozos e mozas hoxe referentes na vida cultural, social, política ou asociativa de Ourense. “Centos de mozos e mozas, xunto con figuras tan relevantes como a do propio director, Benito Losada, foron quen de construír un símbolo de tolerancia e creatividade”.