Dous anos en precario: as deficiencias na ORA e o guindastre volven en marzo ao pleno do Concello
22 Febreiro, 2018
0
• Unha empresa vencellada ao grupo Vendex, investigado na Operación Pokemon, presta estes servizos co contrato caducado desde maio de 2016.
• OUeC xa solicitara antes da finalización do contrato que se valorase a remunicipalización dos servizos.
• O goberno de Jesús Vázquez incumpre o acordo plenario e vai camiño dos dous anos mantendo un servizo “obsoleto e deficiente”.

    Ourense en Común levará de novo en marzo ao pleno municipal a petición de explorar as posibilidades para unha xestión municipal do servizo da ORA e guindastre; unha proposta que o grupo xa sacara adiante no pleno de abril de 2016 (cos votos a favor de toda a oposición), e que o goberno aínda non asumiu.

    “Hai dous anos que advertimos da inminente extinción do contrato e amosamos a nosa vontade de colaboración para avaliar a mellora do servizo, pero a día de hoxe Ourense segue pagando por un servizo obsoleto a unha empresa corrupta”, valora Martiño X. Vázquez. O voceiro de Ourense en Común conclúe que ao marxe da “sabida incapacidade de previsión do goberno municipal, mantendo un de tantos contratos públicos en precario, o proceder con estes servizos “evidencia unha falta de respecto ao propio Pleno e un menosprezo á vontade de colaboración para sacar Ourense da parálise”.

    Ourense en Común defende a “necesidade” de que estes servizos se presten axeitadamente, “para favorecer a rotación naquelas zonas máis saturadas de tráfico”, como tamén o apuntan os datos do Plan de Mobilidade Urbana Sustentable do Concello, e aposta pola xestión directa desde o propio Concello, para “garantir a calidade e efectividade”.

    Entre as deficiencias do servizo, apuntan á necesaria actualización de rúas con zona azul”, analizando os “novos polos de atracción de tráfico: residencia, estación, etc…”, ao abusivo” das franxas de prezos “sempre á alza sen posibilidade de devolución nin cambio, ou á antigüidade das máquinas, que “non facilitan modalidades de pago, nin rexistro de matrículas para residentes”.

    Na actualidade, a empresa concesionaria -filial de Vendex- mantén a prestación en precario, “prorrogando as deficiencias apuntadas e outras derivadas da propia caducidade do contrato”.

    Perante as reiteradas preguntas da oposición á concelleira responsable en materia de contratación, Ana Morenza remite toda a responsabilidade ao concelleiro Carlos Campos, e como apunta Martiño X. Vázquez, “así fai con todo este goberno, pasan a pelota duns a outros pero non traballan, e un día por outro teñen a Ourense sumida nunha parálise”.