Educación: para todas as persoas ao longo da vida
21 Maio, 2015
0

Queremos vivir nunha cidade educadora, nunha cidade que promove as persoas autónomas, persoas que confían en si mesmas e que non teñen medo de expresar a súa opinión, nin a debater os seus argumentos, nin a cooperar cos seus veciños. Dicía Paulo Freire que ensinar non consiste en transmitir coñecementos, senón en crear as posibilidades axeitadas para que as persoas poidan crealos por elas mesmas. Dende este enfoque a educación tamén debe ser valorada coma unha ferramenta de transformación social, que permite o cambio individual e a mellora social e fai medrar as opcións dos cidadáns o que redunda no ben común.

Os desafíos da sociedade hoxe parecen multiplicarse en moitas direccións que reclaman a nosa atención. Se atendemos, por un intre, a algunhas das demandas que a sociedade dirixe á educación, se nos formulan algúns retos importantes: por unha banda o elevado fracaso escolar e, por outro, unha poboación cunha capacidade restrinxida para adaptarse con seguridade e confianza aos medios tecnolóxicos e, en xeral, con capacidades pouco desenvolvidas para acomodarse ós rápidos cambios nas competencias que se precisan para xerar emprego.

No que respecta ó fracaso escolar, Galicia continúa a estar moi por riba da media europea na porcentaxe de alumnos que abandonan os estudos antes de concluír a educación secundaria. Un feito que ten que nos ten que facer reflexionar a todas sobre o modelo de sociedade que estamos creando. Este problema agrávase máis aínda no caso daqueles mozos que se atopan con dificultades sociais engadidas.

 

Aprendizaxe integral para rachar coa fenda dixital

 

A chamada fenda dixital continúa a amosar unha clara división social nas eivas no acceso e no emprego das TIC’s, que limita nas cidadás as posibilidades da súa aprendizaxe, e ao mesmo tempo limita as súas capacidades de participación nas sociedades actuais. A alfabetización dixital non se pode restrinxir á contratación de servizos con empresas que subministran os seus clientes o acceso á Internet.

A fenda dixital e a alfabetización dixital fan que tanto as opcións laborais e vitais, como a posibilidade de exercer o dereito á participación democrática se manteñan nunha situación marxinal. Para superar esta situación cómpre desenvolver un modelo integral de aprendizaxe permanente: entendermos a aprendizaxe como un proceso continuo ao longo da vida, non restrinxido á etapa escolar. Unha aprendizaxe que ten as súas etapas e o seus ámbitos, pero que dificilmente pode quedar pechada nun espazo limitado. O recoñecemento deste feito é o primeiro paso e o máis importante para poñer en práctica modelos educativos en favor das cidadás.

Falamos de aprendizaxe integral, tamén, porque atinxe ás diferentes capacidades das persoas, e os diferentes ámbitos nos que as desenvolven. Non só polo feito de vivirmos en sociedades complexas cun alto grao de dependencia tecnolóxica na súa comunicación, senón porque unha parte fundamental do noso saber estar no mundo se transmite coma unha herdanza, precisamos espazos de intercambio nos que poder incrementar as nosas posibilidades de coñecemento. Espazos para xerar comunidades de aprendizaxe e investigación, nos que os diferentes ámbitos sociais (escola, familia, comunidade, cidade) traballen conxuntamente e no que se fomente o diálogo interxeracional.

Como obxectivos estratéxicos para a educación que incidan nos problemas sinalados, Ourense en Común aposta por unha xestión integral das Escolas municipais, e pola posta en marcha do Centro de Coñecemento Compartido La Molinera, como eixo para vertebrar a reforma das bibliotecas municipais en Centros de recursos, nos que os cidadáns atopen o espazo propicio para o acceso á aprendizaxe das competencias dixitais, apoiados en mediadores que poidan dar unha continuidade á adquisición das novas ferramentas.

Malia que as competencias municipais se están reducindo ata case desaparecer coa nova lexislación estatal, os concellos teñen a obriga de adquirir o compromiso de promover unha educación para tódalas persoas ao longo de toda a vida.