Elvira López Cuevillas, Begoña Muñoz, e “a miña avoa”, propostas de Ourense en Común ao rueiro
24 Febreiro, 2018
0
• Froito dunha moción do grupo, o Concello abriu á cidadanía un proceso participado para recoller propostas coas que dar nome de muller aos espazos públicos de Ourense.
• Os nomes suxeridos saíron de catro sesións de traballo participado con diversos colectivos da cidade e veciñas a título individual.

    Dentro do prazo establecido no proceso de participación veciñal aberto para a presentación de propostas de mulleres relevantes coas que nomear prazas e rúas do Concello de Ourense, Ourense en Común presentaba esta semana tres suxestións para incorporar aos espazos públicos da cidade.

    O grupo destaca a figura de Elvira López Cuevillas como intelectual, rompedora, estudosa, reivindicativa, rápida, áxil, valente. A que fóra filla de Florentino López Cuevillas resulta un “referente porque “soubo desprenderse das ataduras impostas, vivindo con independencia e sen medo, a costa do seu traballo”, referíndose aos anos nos que exerceu como profesora dos emigrantes, en Holanda, e por ser unha escritora directa, intelixente e audaz”, dirixindo cartas “sen medo a molestar contra aquelo co que non concordaba ou lle parecía inxusto.

    Elvira formou parte moi activa da vida cultural de Ourense, fiel ao Clube de Lectura do Liceo, e moi unida ao Museo Arqueolóxico de Ourense, onde “sendo xa moi maior aproveitaba sempre que podía para ir coñecer os últimos descubrimentos”. O seu nome consta hoxe en día adxunto a persoeiros da cultura, a arte, e as letras no Cemiterio de San Francisco, de entre 50 tan só catro mulleres, unha delas Elvira López Cuevillas.

    A profesora de Lingua Galega e Literatura, de Iniciación á Arte Dramática e de Diversificación Curricular no IES Otero Pedrayo, Begoña Muñoz Saá, figura tamén nas achegas presentadas polo grupo ao rueiro. Destacan o seu valor como dramaturga, sendo autora de diversas pezas teatrais e polos seus múltiples traballos de adaptación de obras despois representadas pola compañía Sarabela Teatro. Begoña sempre foi crítica coas inxustizas dun mundo “acomodado” para os homes e reivindicativa por un cambio en feminino.

    Entre as propostas, o grupo tamén quere facer un recoñecemento xeral ás avoas ourensás e galegas, poñendo en valor o seu papel invisible, nomeando algunha rúa ou praza como “A miña avoa”. “Non se xubilan nunca, son super-heroínas sempre dispostas a axudar a sustentar as economías familiares. Foron avoas-nais dos cativos e cativas na ausencia das proxenitoras nos anos de éxodo das aldeas cara as cidades e cara outros países, e son coidadoras e educadoras imprescindibles nestes tempos en que os traballos complican a conciliación da vida persoal e profesional”.