Xornada de Feminismo e Diversidade do pasado 5 de setembro
14 Setembro, 2015
0

Ledicia Piñeiro nos resume o máis destacado deste encontro sobre políticas de igualdade desde unha óptica feminista

Dicía Beatriz Preciado que é esencial facer unha «xenealoxía política do corpo» que nos permite coñecer e comprender cales e como foron aqueles procesos de «ficción política» -identidade sexual, xénero, clase social, raza …- que nos moldean e constitúen. Ficcións que son somáticas (é dicir, «toman a forma da vida») e que nalgúns casos pode ser deconstruída e reconstruída a través de varias estratexias de resistencia e subversión crítica (para que en lugar de someternos, nos empoderen).

Desta «xenealoxía política do corpo» hai moito do modelo organizativo das feministas de Podemos. Feminismo e Diversidade, lila son as lesbianas, as trans, as negras, as persoas con movilidade reducida, os gays… os corpos vulnerables, os corpos anormais, os corpos infradotados…

O pasado sábado 5 de setembro tiven a sorte de participar nas xornadas de feminismo e diversidade organizadas pola secretaría de Feminismo e Coordinación de Podemos Galiza. O día de traballo dividiuse en tres apartados. Na primeira parte tivemos un momento de reflexión sobre o por que da baixa participación das mulleres na política, e por extensión en case calquera espazo do ámbito público. A división do traballo, contexto hostil, anos e anos de desterro de calquera espazo público, chegaron a ser parte das conlusións da xornada. ¿Cómo se muda? xerando referentes, reivindicando os nosos métodos e a nosa política, facendo do feminismo parte esencial da axenda política, estando nós e chamando a outras.

Na segunda parte da xornada falamos da organización feminista dentro de Podemos, estructura organizativa, liñas, debates (abertos e pechados), tarefas inmediatas… Hai unha grande experiencia, xerada en pouco tempo polas compas de Podemos, materializada en textos, accións e creación de estructura. Finalmente, tres compañeiras de procesos municipalistas de unidade popular en tres concellos diferentes dimos a nosa visión da participación da muller na institución e de como ser suxeitos activos no ostracismo dunha institución patriarcal que constantemente xera situacións perversas contra as mulleres.

Sentímonos seguras para concluír que nos tempos que vivimos, a confluencia que está por vir debe, necesariamente, ser feminista, e só será feminista coas mulleres na primeira liña, construíndo e dirixindo procesos.