Innovación e Educación
20 Maio, 2015
0

O Centro de Coñecemento compartido A Molinera: un centro de referencia de tecnoloxías creativas e un servizo de asesoramento de iniciativas empresarias innovadoras

Ourense conta cun espazo municipal que non está á disposición das súas cidadás. Un lugar que preserva a memoria do traballo da cidade dende finais do s. XIX, una edificación que naceu coma fábrica da luz e aspira a ser un referente na cidade, que afronta un futuro que pode ser innovador.

A historia ten varios comenzos. No último deles o barrio do Polvorín toma a iniciativa para recuperar o uso dun lugar abandonado. O colectivo Anacos da Cidade recuperou a memoria fotográfica do lugar, nunha acción á que se foron incorporando máis colectivos veciñais. Despois, a administración se encargou, nun proceso cheo de incertezas, de rehabilitar o edificio e de equipalo.

 

Fotografía propiedade de Dona Lourdes González Rodicio, cedida por Miguel Doval.
Fotografía propiedade de Dona Lourdes Glez Rodicio, cedida por Miguel Doval.

Fotografía de Óscar Pinal.

 

 

 

O próximo comezo para A Molinera estase por escribir, dende o momento en que abra as súas portas á cidadanía. Cando o faga, farase cargo do Laboratorio para a recuperación e posta en valor da memoria e o patrimonio oral, gardando así a memoria viva da súa historia.

Como contorna de aprendizaxe e innovación A Molinera debe contar cunha metodoloxía de traballo aberta, transparente e colaborativa. Un ecosistema de aprendizaxe que basee o seu funcionamento en laboratorios onde se aprende traballando en equipo a través de proxectos. Baixo a coordinación e tutela dos mediadores, desenvólvense os proxectos de aprendizaxe mediante un proceso experimental e de investigación no que se aprende a traballar coas tecnoloxías dende a práctica cotiá.

 

Tecnoloxías abertas á creatividade

A clave do proceso está en que o traballo se leva a cabo con tecnoloxías abertas, é dicir, que permiten aprender como é o seu funcionamento, ao mesmo tempo que se adaptan aos diferentes empregos que se lle queiran dar. Permiten e fomentan a creatividade das súas usuarias, que as empregan como ferramentas que poden fabricar e modificar. Durante todas as fases documéntanse os procesos e se publican na rede para que a comunidade comparta os descubrimentos, deseños e melloras.

A historia do dispositivo Arduino é ben significativa de como funciona todo o proceso. A creatividade xoga un papel esencial na aprendizaxe STEAM no que é pioneiro o Instituto Tecnolóxico de Massachusetts (MIT). A mesma metodoloxía aberta emprégase nos laboratorios de deseño e fabricación dixital, de electrónica, de programación ou de medios audiovisuais. A filosofía do software libre foi o xérmolo moderno deste xeito de traballar, aprender e espallar o coñecemento.

 

Servizo de asesoramento e diálogo interxeracional

Coma en todo proceso educativo cómpre dotar A Molinera dun equipo de mediadores que poidan facer as tarefas de mentores nos laboratorios, guiar os procesos, facer o seguimento e a coordinación dos mesmos.

Dende Ourense en Común, tamén consideramos que A Molinera ten que ser un espazo de diálogo xeracional e por iso consideramos que se debería promover un Servizo de Mentoring, para asesorar ás iniciativas empresariais e aos novos profesionais, no que persoas con experiencia poidan valorar e apoiar aquelas iniciativas innovadoras con capacidade para xerar emprego.

O cambio de modelo educativo que estamos a vivir nos últimos anos tende a resaltar os aspectos máis conectivistas da pedagoxía constructivista: a construción de significados por parte dos alumnos no seu camiño de aprendizaxe fundaméntase mellor no traballo cooperativo, tecendo redes descentralizadas, para a adquisición de competencias. A implantación desta metodoloxía nas contornas escolares xa é unha realidade.

 

Laboratorios de tecnoloxías creativas

Se atendemos á Impresión 3D, por exemplo, o Informe Horizon 2013 Primaria e Secundaria xa a considera coma unha das tecnoloxías emerxentes que se están a aplicar. O departamento Británico de Educación publicou en 2013 o informe: “Impresoras 3D nas escolas: o seu uso no currículo” que recolle a experiencia piloto de 21 centros educativos na introdución das Impresoras 3D no currículo oficial dos alumnos de primaria e secundaria.

O Centro de Coñecemento Compartido A Molinera pode contribuír, na fase actual, á formación do profesorado dos centros educativos, e á gradual implantación dos laboratorios de tecnoloxías creativas nos currículos oficias dos alumnos como centro de referencia para as escolas, para a Formación profesional e para xerar emprego.

Ao mesmo tempo pode ser o centro de referencia para o programa de Aprendizaxe en común (Learning commons) no que as bibliotecas municipais, e os puntos de lectura, se transforman en centros de recursos, adaptando os seus espazos para engadir os servizos dun centro de novas tecnoloxías, onde a principal actividade é adquirir autonomía para usar Internet como recurso para aprender e investigar.

Impresión 3D alumnos de primaria e secundaria. Fonte Educalab.
Impresión 3D alumnos de primaria e secundaria. Fonte Educalab.

Ligazóns para saber máis:

Informe Horizon 2013
http://blog.educalab.es/intef/2013/06/24/informe-horizon-2013-primaria-y-secundaria-tecnologias-1-a-5-anos

Departamento Británico de Educación sobre o uso de impresoras 3D na educación:
https://www.gov.uk/government/uploads/system/uploads/attachment_data/file/251439/3D_printers_in_schools.pdf

Arduino [Arduino: O documental 28 min.] https://archive.org/details/Arduino.TheDocumentary.Spanish

Software Libre (segundo a definición da Fundación para o Software Libre, creadora do proxecto GNU)
http://www.gnu.org/philosophy/free-sw.gl.html

photo_2015-05-20_16-30-51