Miguel Doval asiste en Barcelona ao congreso internacional “Cidades sen medo”
9 Xuño, 2017
0
• O ámbito local convértese no lugar desde onde defender os dereitos humanos, a democracia e o ben común.
• Barcelona en Comú promove o encontro, que inclúe 21 talleres e mesas temáticas, 2 plenarios e 3 actos públicos.
• José Mujica, expresidente de Uruguay; Yannis Varoufakis, ex ministro de Finanzas grego; ou Naomi Klein, xornalista e activista antiglobalización, apoian o encontro e reafirman o papel das cidades para loitar contra o neoliberalismo.

    O edil de Ourense en Común, Miguel Doval, participará desde este venres no encontro municipalista internacional “Cidades Sen Medo: redes globais de refuxio e esperanza” (Fearless Cities), organizado por Barcelona En Comú co obxectivo de construir unha rede global de pobos e cidades que se están erguendo para defender os dereitos humanos, a democracia e o ben común.

    O congreso reunirá en Barcelona ata o domingo a máis de 700 persoas de máis de 180 cidadesde todos os recunchos do planeta”, entre elas as alcaldesas e alcaldes de Madrid, Barcelona, A Coruña, Compostela, Zaragoza, Cádiz, Grenoble (Francia), Valparaíso (Chile), Rosario (Argentina), Vancouver (Canada), Philadelphia (USA), ou Belo Horizonte (Brazil).

    O debate centrarase na democracia e o seu peso como espazo local, e abordará cuestións como a mobilidade e a contaminación, os bens comúns, a remunicipalización, o dereito á vivenda, a transparencia, a loita contra a corrupción ou o impacto das redes sociais na vida municipal.

    Nun mundo onde o medo e a inseguridade están a converterse en odio e as desigualdades, e a xenofobia e o autoritarismo están a aumentar, o evento quere demostrar o potencial dos pobos e as cidades para resistir ao odio, e impulsar unha transformación democrática en todo o mundo sen muros nin fronteiras, construindo redes globais de solidariedade e esperanza entre concellos e cidadanía.

+ info en fearlesscities.com/es