Montserrat Valencia toma acta como concelleira de Ourense en Común
7 Xuño, 2018
0
• A que fóra de número catro na lista de OUeC para as municipais, entra a ocupar o oco de Ledicia Piñeiro augurando un ano de “duro traballo contra o desleixo do PP en Ourense”.
• A nova edil do grupo é asesora xurídica especializada en Medio Ambiente, e defínese como “activista e ecofeminista”.

    O pleno ordinario que mañá celebra o Concello de Ourense inclúe na orde do día a incorporación, como concelleira de Ourense en Común, de Montserrat ValenciaLeón, cubrindo a cadeira que deixou voluntariamente a xa ex-edil Ledicia Piñeiro.

    A que fóra a número catro na lista coa que o grupo concorreu ás municipais de 2015, incorpórase “agradecendo o traballo pelexado pola compañeira e amiga Ledicia Piñeiro, quen durante estes tres anos batallou pola defensa dos dereitos das veciñas, das entidades e das traballadoras”.

    Falar de Montse Valencia, é falar de activismo ecolóxico, de ecofeminismo e voluntariado, militando en distintas asociacións desde os anos 90, e do seu achegamento político a Equo desde 2011. Licenciada en Dereito no Campus de Ourense, coa especialidade en Medio Ambiente, a súa experiencia profesional pasa pola oficina municipal de Inmigración no Concello de Vigo, dando apoio ao asesor xurídico e á traballadora social, pasando pola precariedade da hostalería, ata exercer como asesora xurídica na asociación ecoloxista con sede en Ourense, Amigos da Terra.

    Desde agosto de 2015, Montse vén traballando como asesora do Grupo de Traballo Institucional de Ourense en Común no Concello, logo de obter a máxima puntuación no proceso laboral aberto polo grupo para ocupar o posto.

    A nova edil, augura un ano “de traballo duro”, no que “continuará o desgoberno do PP en Ourense, e a súa insaciable necesidade de grandes titulares e poucas accións”. Valencia expón que “os gobernos en minoría poden funcionar con diálogo, con capacidade de entendemento, de negociación, de consenso”, e entende que esa minoría no concello de Ourense é empregada polo PP para “excusar a súa incompetencia manifesta, o seu desleixo pola cidade e a falta de empatía cos veciños e veciñas que a diario están esquecidos e esquecidas; unha minoría que o PP interpreta con desapego, afastando calquera situación de oportunidade para falar de cidade”.