Nace en Ourense o xérmolo para unha rede municipalista galega
18 Novembro, 2017
0
• Os alcaldes de Compostela e A Coruña compartiron no Hai Mareas as experiencias desenvolvidas nos concellos que gobernan.
• Máis dun cento de persoas chegadas de toda Galicia participaron no encontro de traballo en código aberto.
• A parálise do goberno de Jesús Vázquez en Ourense fronte aos bos exemplos de Compostela, A Coruña ou Ferrol foi un tema recorrente durante a xornada.
• O horizonte 2019 perfílase para as mareas desde os principios de participación, transparencia e feminización, para facer unha política máis sostible e ao servizo dos cidadáns.

    A cidade de Ourense acolleu hoxe o encontro “Hai Mareas”, no que máis dun cento de persoas vencelladas ao movemento municipalista galego partillaron ferramentas, metodoloxías e experiencias co obxectivo de mirar cara ao 2019 desde a boa praxe na xestión municipal, tomando os exemplos de Coruña ou Compostela, que están poñendo os concellos ao servizo da cidadanía”.

    O alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega, xunto ao voceiro de Ourense en Común, Martiño Xosé Vázquez, abriron o encontro manifestando a necesidade de compartir estes espazos de reflexión, debate e traballo” para “aprender e reivindicar xuntas a capacidade do municipalismo na transformación da autonomía social e local”.

    Durante a mañá, tres mesas de traballo abordaron simultáneamente as metodoloxías organizativas de cada proceso municipalista, as experiencias participativas desenvolvidas en concellos como o da Coruña e Compostela, e o funcionamento interno das propias institucións, desde as vivencias en primeira persoa de Martiño Noriega, alcalde de Santiago de Compostela, de edís da Marea Atlántica, Compostela Aberta, Marea de Vigo, e Ourense en Común, e de deputadas de En Marea no Parlamento galego.

    Xa pola tarde, o salón de actos da biblioteca acolleu tres palestras abertas.

    Desde as catro e media, durante a primeira das palestras, dinamizada polo edil de OUeC, Miguel Doval, púxeronse en común as conclusións das mesas de traballo matinais, coincidindo e facendo fincapé na necesidade de “abrir máis aínda as institucións á participación cidadá”, vencellando a vida institucional coa extitucional, e fortalecendo un “espazo común e fraterno onde as mareas camiñemos xuntas”.

    Na segunda palestra da tarde, baixo o título de “contrapoder” e coa participación de movementos e organizacións sociais como a Mocidade republicana galega, Stop Desafiuzamentos, a Plataforma Non ao TTIP, a plataforma en Defensa da Sanidade Pública, a organización estudiantil ANEGA, ou a Masa Crítica de Ourense, o debate centrouse no que os movementos da rúa precisan do municipalismo e das propias institucións.

    Na recta final do encontro, Jorge Duarte (concelleiro no goberno de Compostela), María García (concelleira no goberno da Coruña), Xosé Lois Jácome (concelleiro da Marea de Vigo), e Martiño X. Vázquez (voceiro de OUeC), avaliaron o camiño percorrido polo municipalismo ata hoxe, e as perspectivas, obxectivos e  retos que se plantexan no momento político actual, e de cara á cita electoral de 2019.

    No peche da xornada, o alcalde de A Coruña, Xulio Ferreiro, xunto á concelleira de Ourense en Común, Ledicia Piñeiro, concluíron que “é preciso máis e mellor municipalismo, porque merecemos limpar as institucións de ladróns, corruptos, acosadores, e podemos facelo”.  Xuntas avaliaron o nefasto goberno de Jesús Vázquez na alcaldía de Ourense, “unha cidade paralizada, fronte aos bos exemplos de Compostela, A Coruña ou Ferrol”, e é que si “se pode ter renda municipal, se pode ser transparentes nas contratacións, se pode facer que ningún neno ou nena quede atrás e poidan comer nas súas escolas, que podemos ter terrazas nas rúas sen que sexan un perigo, que podemos ter o monte limpo e vivo...” e infinidade de  probas máis de que “miramos ao inimigo de fronte e con valentía, desafiándoo,  porque somos a xente común e levamos moita fartura enriba”.

    Concluídas as intervencións o artista O Neno Elliot puxo a nota musical á xornada de traballo, interpretando o tema “Venceremos nós”, un “canto optimista e esperanzador para un cambio político desde abaixo, feito pola xente, desde a rúa”.