O 25 de setembro en clave local: Gaña a abstención, existe demanda de cambio
26 Setembro, 2016
0
Lectura de Martiño X. Vázquez sobre os resultados electorais do 25S

    A abstención é a primeira forza política no Concello de Ourense. Catro persoas de cada dez que estaban chamadas a participar nestes comicios decidiron que ningunha das organizacións que se presentaban eran dignas da súa confianza. Múltiples poden ser as razóns e múltiples as responsabilidades pero é evidente que ningunha oferta electoral foi quen de convencer á veciñanza da importancia destas eleccións.

    O discurso tradicional do Partido Popular, manifestado en público tantas veces na frase “existe corrupción en todos os partidos”, fomenta que ese outro mantra de que “todos os políticos son iguais” sexa xa interiorizado por boa parte da cidadanía. Un discurso que deslexitima á política como función pública e ao que pouco axudan as formas de aqueles partidos cómodos no caos e o descontento como Democracia Ourensana.

    Sexa como fora ningunha organización foi quen de posicionar no debate público que os seus problemas, tamén os de aquelas persoas que decidiron non ir a votar, só poden solucionarse cunha transformación estrutural e esta pasa necesariamente por un cambio político. As listas de espera na sanidade pública, a gratuidade dos libros de texto, o acoso á lingua galega, o desemprego, os lumes forestais, a emigración xuvenil, as pensións máis baixas do estado, etc. requiren dunha alternativa seria, sólida e que fixe na centralidade do discurso o común. O berro que aínda resoa nas prazas, aquel “non nos representan”, segue igual de vivo que o 15 de maio de 2011.

    Ourense en Común como organización municipalista na praxe e na teoría non concorría a esta cita electoral, pero decidía apoiar a En Marea ao entender novamente que esta era a única das candidaturas presentadas que podía dar continuidade ao proceso de renovación democrática nas institucións iniciado nas eleccións municipais do 24 de maio de 2015. Os seus resultados deben ser analizados en positivo ao converterse na segunda forza política no Concello de Ourense só por detrás do Partido Popular. Feito que tratándose dun proxecto con menos de dous meses de vida evidencia que existe unha demanda real de cambio no local. O espazo político da unidade popular, da participación, da transparencia, priorizando o social e en clave de país, pode disputarlle a hexemonía política da alternancia e de goberno se é quen de comprender que o debate debe centrarse no que facer e como facelo e non no quen. De nós depende e dende OUeC traballamos xa dende hoxe para conseguilo.

Martiño X. Vázquez Mato, concelleiro de Ourense en Común