O convenio entre Expourense e Marrocos viola a legalidade internacional
5 Febreiro, 2018
0
• Ourense en Común pide que se retire o acordo, por ir en “contra dos dereitos do pobo saharaui, o lexítimo soberano desa rexión”.
• O convenio asinado coa rexión de Dakhla lexitima a ocupación do Sáhara a mans de Marrocos.
• O Partido Popular prioriza os negocios por enriba dos dereitos humanos e as resolucións da ONU.

    Ourense en Común rexistraba hoxe unha petición á alcaldía de Ourense, como integrante do patronato de Expourense, para que se retire o acordo asinado coas autoridades marroquís para o vixésimo aniversario de Xantar, “por violar o dereito internacional”.

    O Sahara Occidental, onde está a rexión de Dakhla, coa que se asinou o pasado xoves o convenio, é un territorio invadido por Marrocos en 1975 e que ata hoxe segue nun conflito pendente de resolución e descolonización. O grupo denuncia a estratexia de Marrocos asinando este e outros acordos con municipios e institucións europeas “co único obxectivo de consolidar a ocupación dese territorio”.

    Son incontables as resolucións das Nacións Unidas que acreditan que “a soberanía do Sáhara Occidental é do pobo saharaui e calquer acordo ou convenio deste tipo ten que ter a aprobación dese pobo a través do seu lexítimo representante, o Fronte Polisario”.

    Martiño X. Vázquez apunta a que hai unha “desvergoña endémica para cos colonizadores”, facendo referencia á recente visita do presidente da Xunta a Israel, e á recepción do alcalde de Ourense ao embaixador dese país, “outro estado que vulnera toda legalidade internacional en relación aos dereitos do pobo palestino” .

    O voceiro de Ourense en Común conclúe que para o Partido Popular “os negocios están por enriba dos dereitos humanos, e lembra que “namentres uns recollemos e enviamos material de axuda humanitaria para o Sáhara, o Partido Popular mostra a súa hipocresía, traendo nenos refuxiados a pasar o verán ao tempo que incentiva os negocios con estados que manteñen o racismo, a xenofobia, a colonización e o apartheid”.