O envío de cartas do Concello, paralizado pola ineptitude do goberno
29 Setembro, 2017
0

Foto: Santi M. Amil (La Voz de Galicia)

•   O PP deixou caducar o contrato con Unipost, e desde o martes pode estar incorrendo nunha sucesión de silencios administrativos de consecuencias descoñecidas.
•   As concellerías empezan a acumular un mar de cartas sen enviar, namentres os prazos corren para as veciñas que deberan recibilas.
•   Avisos sobre o pago de tributos ou notificacións sobre licenzas de obra, xa están impresas e asinadas, pero bloqueadas por falta de servizo postal.

    Ourense en Común denuncia o estado de parálise que viven desde esta semana diferentes áreas do Concello, pola total inepcia e falta de previsión do goberno, que deixou caducar o contrato coa empresa responsable do servizo postal e envío de notificacións municipais.

    O contrato, adxudicado a Unipost coincidindo coa chegada do Partido Popular ao goberno en 2015, venceu esta semana, sen que o equipo de Jesús Vázquez se adiantara para manter o servizo de mensaxería en funcionamento.

    O resultado empeza a ser evidente na área de recadación por exemplo, unha das que máis cartas move ao longo do ano –ata 170.000-, e onde empezaron a acumularse esta semana notificacións xa impresas, asinadas e preparadas para o envío, namentres “os prazos corren para as veciñas”,  sen que haxa visos de que vaian recibir as comunicacións en tempo para estar ao día nas súas xestións co Concello.

    O grupo considera de “extrema gravidade” a caducidade deste servizo e advirte que namentres a situación non se solucione “o Concello pode estar incorrendo nunha sucesión de silencios administrativos” referidos a permisos, licenzas, pago de tributos ou recadación de sancións de consecuencias descoñecidas para as veciñas, a actividade da cidade e a propia administración local”.