O goberno de Ourense descoñece os motivos da paralización das obras no albergue de peregrinos
28 Febreiro, 2018
0
• Hai semanas que Ourense en Común pide explicacións nas xuntas de área ás que nin o edil responsable de Turismo nin o de Urbanismo dan resposta.
• As obras iniciáronse en agosto de 2016 para dezasete meses, e “trinta meses despois están paralizadas”.
• Jorge Pumar fala “á lixeira” de rumores sobre a estrutura do edificio, sen interesarse nin pedir explicacións á Xunta polo que está a acontecer.

    Ourense en Común alerta sobre a paralización das obras no futuro albergue de peregrinos situado na confluencia entre as rúas da Barreira e a da Burga, e dos motivos para tal parálise, que o goberno municipal dí descoñecer “ou é que non queren saber”.

    O edificio, cedido á Xunta a mediados de 2016 para que acometera as obras, coa previsión de que o novo albergue estivera inaugurado xa en 2017, continúa a día de hoxe pechado. Un proxecto do que o propio alcalde “presumiu” ao inicio das obras e sobre o que a actitude do seu equipo de goberno, manifesta “un total desinterés”.

    Durante sucesivas semanas, Ourense en Común vén interpelando nas xuntas de área ao edil responsable de Turismo sobre a situación da obra e o motivo de que estea parada, obtendo reiteradas “evasivas” de Jorge Pumar, que onte falou “alegremente” de que “hai rumores de problemas na estrutura”,sen darlle maior importancia á gravidade da cuestión, e escurrindo o bulto”, traspasando a responsabilidade ao seu compañeiro á fronte de Urbanismo, Jesús Cudeiro, que literalmente dí que “non tén nin idea destas obras”.

    Ourense en Común apunta á “incapacidade, irresponsabilidade, e desidia” deste equipode desgoberno”, que está sumindo á cidade nunha “deriva permanente” da que ninguén se fai cargo.