O goberno de Ourense pon en risco a saúde dos traballadores municipais ocultando informes sobre o gas radón
7 Novembro, 2017
0
• Jorge Pumar nega reiteradamente as medicións, que poden conter datos alarmantes sobre a alta concentración do gas nas dependencias municipais.
• O PP pode estar incorrendo nun delito contra a saúde pública, obviando a normativa sanitaria sobre a información e protección dos traballadores.
• A concelleira de persoal, Flora Moure, admite descoñecer os informes e non ter previsión de tomar medidas para mitigar os riscos nas empregadas municipais.

    Ourense en Común denuncia a reiterada negativa do concelleiro responsable de Servizos Xerais, Jorge Pumar, para facilitar os datos referentes ás medicións do gas radón tomadas nas dependencias municipais  alegando que “está agardando por unha segunda medición”, eludindo pronunciarse sobre cando se recolleron os primeiros datos, nin cando se realizará a segunda medida”.

    “Levamos semanas pedindo a primeira medición e négasenos”, explica Martiño X. Vázquez, voceiro de Ourense en Común, que conclúe que “estamos seguras de que os resultados son alarmantes e obrigarán ao concello a reubicar ao persoal”, xa que “é posible que algúns espazos deste Concello non soporten nin o máis mínimo informe de prevención de riscos laborais”.

    Ledicia Piñeiro plantexaba esta cuestión na xunta de área de Persoal celebrada esta mañá, e a concelleira responsable, Flora Moure, manifestou o seu “total descoñecemento” sobre as medicións de radón nin sobre os informes de prevención de riscos laborais nas dependencias municipais, confirmando que “non hai previstas medidas nin traslados para mitigar o impacto do gas sobre as traballadoras”.

    Ourense en Común valora emprender accións legais contra o goberno por un posible delito contra a saúde públicapor non manter informadas ás traballadoras, nin tomar medidas preventivas”.

    A exposición ao radón é a  segunda causa de cancro de pulmón en España e Ourense é un dos concellos á cabeza no índice de exposición ao gas, pero “para o PP semella que é tan invisible o gas como a problemática que pode provocar”.

    “De novo presenciamos a desidia e falta de responsabilidade deste goberno”, que está moi lonxe de anticiparse para cumprir a Directiva Europea 2013/59/EURATOM que entrará en vigor o próximo 8 de febreiro, e que obrigará a realizar medicións periódicas en espazos de traballo en áreas de risco, a establecer niveis de referencia para as concentracións do gas, emprender accións para protexer a saúde dos traballadores, e a dar a coñecer o problema entre a poboación, garantindo información local relativa á exposición ao radón e aos riscos asociados para a saúde.