O municipalismo galego celebra un encontro aberto en Ourense o 18 de novembro
6 Novembro, 2017
0
• Ourense en Común organiza o evento #HaiMareas18N, que contará con representación de todos os procesos municipalistas de Galicia.
• Os alcaldes de Compostela, A Coruña e Ferrol participarán en diferentes actos da xornada.
• Tres mesas de traballo e tres palestras abertas ao público conforman a programación do encontro, que xa abriu inscricións.

    Ourense en Común convoca ás mareas galegas e a toda a cidadanía a un encontro de “traballo común e intelixencia colectiva que se celebrará en diferentes espazos da cidade de Ourense o próximo sábado 18 de novembro.

    O grupo facía hoxe pública a programación do evento, que inclúe tres mesas de traballo simultáneas durante a mañá – participación cidadá, metodoloxías de traballo e vida institucional-, e tres palestras abertas na xornada da tarde –conclusións das mesas de traballo, movementos sociais, e horizonte 2019-.

    Ademais de concelleiras e representantes de todas as mareas galegas, está confirmada a presenza no acto dos “alcaldes do cambio en Galicia. Martiño Noriega (Compostela Aberta), Xulio Ferreiro (Marea Atlántica) e Jorge Suárez (Ferrol en Común), participarán tamén na xornada.

    O #HaiMareas18N xurde como iniciativa de Ourense en Común, coa “vontade de facilitar un espazo de debate e análise compartida” do camiño percorrido polo municipalismo galego ata o día de hoxe e para “valorar os desafíos e oportunidades aos que o movemento municipalista se enfrenta de cara ao 2019”.

    A inscrición para asistir ao encontro está xa aberta na web de Ourense en Común. http://ourenseencomun.info/hai-mareas-18n