O PP volve a modificar a ordenanza do IBI e rexeita bonificacións que xa estaban incorporadas
28 Setembro, 2017
0
•   O goberno retirou achegas de OUeC que xa aceptara para a nova ordenanza, e abre de novo un prazo de emendas.
•   O pacto entre “as dereitas de Ourense” elimina o traballo de seis meses da comisión sobre a reforma fiscal e vulnera os acordos alí tomados.
•   O PP rexeita agora o fomento da actividade económica ou o uso de enerxías renovables co imposto do IBI, e bonificalo para as familias máis vulnerables.
•   OUeC sospeita de que o PP busca unha excusa para bloquear a ordenanza xurdida do pacto suicida con DO e responsabilizar á oposición. “Non seremos o tonto útil que buscan”.

    Nunha rolda de prensa celebrada esta mañá, o voceiro de Ourense en Común denunciaba que as emendas que o seu grupo presentara hai un ano á ordenanza do IBI, que “xa foran informadas polos servizos técnicos, aceptadas polo equipo de goberno, e incorporadas á nova ordenanza” a finais de xullo, desapareceron” no documento máis recente, e acusa ao Partido Popular no goberno de “vulnerar os acordos acadados tras seis meses de traballo da comisión sobre a reforma fiscal”.

    Con esto, o goberno prescinde de acordos que xa asumira e inserira na ordenanza, e o PP “rexeita” bonificar o imposto en vivendas de protección oficial, fomentar actividades económicas de interese ou o uso de enerxías renovables, e “dalles o mesmo a familia de Amancio Ortega que as familias que teñen problemas para chegar a fin de mes”.

    Despois de ter retirado as emendas que xa asumiran, Martiño X. Vázquez cuestiona “por que o Partido Popular quere agora que se presenten de novo alegacións á ordenanza? se xa estaban presentadas, aceptadas e incorporadas”, e analiza que “o goberno sabe do suicidio pactado con Democracia Ourensana, saben que unha rebaixa de 6,5 millóns de euros na contabilidade municipal vai deixar aniquilada a capacidade inversora do Concello, e necesitan bloquealo”. O voceiro asegura que Jesús Vázquez “está buscando un “tonto útil” que presente emendas para bloquear a ordenanza e ter de novo a excusa para responsabilizar á oposición”, e aclara que “Ourense en Común non será ese tonto útil, non imos entrar no seu xogo trilero nin solucionar os problemas do pacto de PP e DO”.

    Martiño X. Vázquez, cuestionaba tamén a credibilidade da edil responsable de Facenda, Ana Morenza, que mentiu no pleno de setembro cando dixo “que os acordos da comisión da reforma fiscal matíñanse vixentes”, e acusa á edil de “facer habitualmente bandeira da súa incoherencia”, en referencia ás declaracións nas que avaliaba a rebaixa do 20% como inviable, para pactala quince días despois con Democracia Ourensana.