O urbanismo baixo a lupa nunha comisión de investigación solicitada por Ourense en Común
9 Maio, 2018
0
• O comité constituído esta mañá busca depurar as responsabilidades técnicas e políticas pola anulación da Ordenación Provisional Urbanística do Concello por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
• A comisión constitúese ano e medio despois da súa aprobación no pleno de novembro de 2016 a petición de Ourense en Común, apoiada por toda a oposición e votada en contra polo goberno do PP.
• Martiño Xosé Vázquez centra os obxectivos en “identificar aos responsables e aprender dos erros do pasado para que non se repitan”.

    Xa é hora” de que os responsables do caos urbanístico que mantén na actualidade un ordenamento de 1986 na cidade,  “paguen os seus erros e todas aprendamos dos mesmos para non volvelos a repetir co actual PXOM en trámite“.  Así avaliaba o voceiro de Ourense en Común a constitución, esta mañá, da comisión de investigación sobre a caída da Ordenación Provisional do Concello, solicitada polo seu grupo e aprobada co apoio de toda a oposición no pleno de novembro de 2016.

    No mes de marzo de 2011 o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia confirmaba a primeira das sentenzas que dende abril de 2008 declararan a nulidade do PXOM aprobado no ano 2003 polo Partido Popular. A motivación da sentenza pasaba pola ausencia dun informe sectorial e por graves diferencias entre o documento exposto ao público e o documento final.

    Para Martiño Xosé Vázquez “daquel cambiazo para beneficiar a uns poucos, derívanse consecuencias moi graves para a Concello de Ourense“. Apunta así o portavoz de Ourense en Común “indemnizacións millonarias a cargo do erario público, inseguridade xurídica, estancamento de inversións, impacto socioeconómico derivado do freo en sectores produtivos e un novo gasto na redacción dun novo PXOM que na actualidade supera o millón de euros“.

    O goberno municipal e os responsables políticos da anulación daquel ordenamento foron, segundo Ourense en Común, “rápidamente reubicados noutros cargos en lugar de asumir as súas responsabilidades“. Ricardo Campo Labrador, o concelleiro de urbanismo daquela, e o antigo equipo do goberno local, con Manuel Cabezas ao fronte, “foi todo recolocado”, na súa maioría na Deputación “ao servizo do Sr. Baltar, incluído quen hoxe rexenta novamente a responsabilidade da xestión urbanística do noso Concello, o señor Cudeiro”, quen ocupaba o cargo de xefe de servizo provincial de urbanismo cando foi licitado aquel “fatídico PXOM de 2003, avalando a adxudicación do planeamento á empresa GOCSA cos votos en contra do arquitecto e enxeñeiro municipal.”

    Como consecuencia daquela anulación foi necesario aprobar un ordenamento provisional no mes de xullo de 2011. Malia ás serias diferencias entre o goberno municipal bipartito daquela coa Xunta de Galicia, decídese introducir na mesma ámbitos de carácter privado; un feito que provocaría a presentación de nove recursos dos que se deriva a recente suspensión do ordenamento provisional e a volta ao ordenamento do ano 1986. Situación da que de novo se derivan graves consecuencias para o Concello de Ourense e pola que “non se teñen asumido responsabilidades nin técnicas nin políticas“.