OUeC achegará o PXOM a todos os barrios do concello
29 Febreiro, 2016
0

Ourense en Común comeza este luns na Carballeira un roteiro por todos os barrios do Concello de Ourense para achegar o modelo de cidade pretendida polo PXOM, responder ás dúbidas veciñais e informar de primeira man sobre o estado de aprobación do documento.

O grupo municipal Ourense en Común comeza este luns 29 de febreiro ás 20h na Asociación Carlasca da Carballeira un roteiro por todos os barrios do Concello de Ourense. A próxima parada será o mércores 2 de marzo no Centro Cívico da Cuña. Deste modo cada semana visitarán dúas zonas do Concello de Ourense para transmitir o modelo de cidade pretendida no novo PXOM, responder as posibles dúbidas existentes e informar en primeira man á veciñanza do estado de aprobación do documento.

O proceso de elaboración deste PXOM non é, nin moito menos, o que houberamos desexado dende Ourense en Común. Así é que a coñecida como Fase de Avance foi deficiente ou case inexistente. Botamos en falta daquela unha maior permeabilidade na elaboración do documento que permitira a participación e recoller impresións, suxestións e demandas veciñais. Algo nodal se pretendemos aliñar a máis de cen mil persoas nunha estratexia de cidade para os próximos vinte anos.

Daquela OUeC non estaba nas institucións e nin sequera existía, pero agora si e con este roteiro pretendemos paliar eses déficits de participación iniciais. Xa que logo consideramos imprescindible desbloquear a actual situación provocada pola anulación en vía xudicial dun PXOM depredador redactado polo Partido Popular cunha previsión de nova vivenda para máis de 50.000 persoas”.

Ourense en Común fixaba no seu programa electoral participado cal serían as súas condicións para aprobación dun PXOM. Algunhas xa executadas parcialmente como a constitución dun grupo de traballo amplo con presenza de todas as organizacións políticas do Concello de Ourense e conformado polo propio equipo redactor e equipos técnicos que non xerara novos gastos á Corporación Municipal. Malia a isto esta comisión non foi aberta como solicitaban a outros colectivos veciñais e técnicos.

A Comisión de Seguimento do PXOM cumpriu a súa función só parcialmente. Se ben os grupos da oposición recibimos información técnica detallada do estado do plan e dos informes de alegacións elaborados polo equipo redactor, botamos en falta que se exploren novas vías de participación: consultora municipal,campañas de información específica por barrios, etc. Así é que novamente como en tantas outras áreas de goberno (mobilidade, voluntariado, animais…) é Ourense en Común quen se remanga e ponse a traballar. Se eles non o fan, facémolo nós.

Sobre o apoio ou non da organización municipalista a este PXOM seguen a advertir ao Partido Popular do risco de politizar un proceso ata o de agora netamente técnico. Con todo remarcan que, como organización asemblearia, a decisión final de Ourense en Común será unha decisión colexiada tomada en asemblea veciñal aberta á participación de calquera persoa interesada.

 Nunha primeira análise o PXOM redactado cumpre moitas das demandas de OUeC pois atende ao núcleo urbano xa consolidado e aposta por pechar a malla urbana antes de conquistar novos espazos como si facía o plan do PP. Contempla ademais un epicentro de cohesión no distrito norte da Ponte que permitirá superar desigualdades históricas entre barrios, reserva un grande número de equipamentos, espazos comúns, vivenda pública e zonas verdes.”

Dende Ourense en Común afirman que a falta da lectura de informes sectoriais aínda pendentes e dunha análise aínda máis detallada especialmente orientada ao impacto das novas infraestruturas naquelas áreas de interese natural, cultural e paisaxístico; o principal problema actual pasa pola adaptación do PXOM á nova Lei do Solo de Galicia e o modelo de xestión.

Coa aprobación en solitario por parte do Partido Popular da nova lei no Parlamento Galego desaparece un tipo de solo específico, tradicionalmente orientado á reserva en caso de expansión natural da cidade, e con el aumentaría dun bocado o número de vivendas ata 4000 máis das contempladas na aprobación inicial.

Se a esta característica sumámoslle que o Partido Popular de Ourense pretende alterar o modelo de xestión proposto por un modelo de compensación que favoreza a iniciativa privada, estaríase atacando a un dos eixos do plan que é o peche da malla urbana antes da conquista de novos espazos. Por non falar de que xa non sería a administración municipal a que levara a iniciativa do seu propio planeamento”.

Ourense en Común será convocado nos próximos días, xunto co resto de partidos da oposición, a reunións bilaterais co equipo de goberno co fin de seguir avanzando na aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal.

AUDIO concelleiro Martiño Xosé Vázquez Mato