OUeC advirte que de non conseguir unha integración digna do AVE, debería ser o propio Jesús Vázquez quen tomara a iniciativa de dimitir
18 Abril, 2016
0
Ourense en Común optará pola abstención na solicitude de Democracia Ourensana ao existir “numerosas incoherencias” na súa proposta.

O grupo municipal Ourense en Común comunica que ten decidida xa a súa posición de voto para o pleno extraordinario de mañá martes, solicitado por Democracia Ourensana para pedir a dimisión do alcalde se non consigue unha serie de compromisos na integración da alta velocidade en Ourense.

“Dende Ourense en Común compartimos a indignación de Gonzalo Pérez Jácome pola mala xestión que o Partido Popular e o propio Jesús Vázquez están amosando na integración do AVE. É evidente que falta coordinación entre administracións na redacción de proxectos, deféndese unha intermodalidade ficticia, existe inacción para reducir o seu impacto, etc. Pero malia a todo o anterior, a moción presentada por Democracia Ourensana para o seu debate é insostible en termos de coherencia política”, apunta o voceiro Martiño Xosé Vázquez.

A asemblea veciñal aberta que Ourense en Común celebrou a pasada semana nas Burgas decidía non apoiar a moción de Democracia Ourensana ao observar numerosas incoherencias na súa solicitude.

“Gonzalo Pérez Jácome solicita a dimisión do alcalde se non consigue unha serie de compromisos en datas concretas que no texto non se definen (aparecen citadas: 30 de abril, 15 de maio e 30 de maio). Ao marxe de posibles erros de redacción, non é lóxico condicionar a dimisión do alcalde a unha data que non depende do propio concello senón da administración autonómica e estatal.

De igual modo, cítanse características que debe ter a nova estación de tren como metros cadrados para oficinas ou restaurantes, que deberían ser valoradas por técnicos competentes e non por políticos. Nós estamos para definir o que facer, neste caso unha estación intermodal e permeable entre barrios, non para definir o como nin o quen. Algo que non todos os grupos comprenden”.

O grupo municipalista tiña previsto emendar o texto a debater pero o carácter extraordinario do pleno impide esa fórmula. Razón pola que malia a concordar en parte, non apoiarán a moción de Democracia Ourensana e optarán por absterse na votación.

“Pedirémoslle ao alcalde D. Jesús Vázquez Abad que asuma os compromisos que aparecen no seu propio programa e que o propio Partido Popular defendeu no pasado ao respecto da integración do AVE en Ourense. Na súa man quedará loitar por eles e non ser vítima das estratexias electorais do seu propio partido. No caso de non conseguilos debería dimitir por iniciativa propia sen que Gonzalo Pérez Jácome o solicitara, pois estamos perante a infraestrutura máis relevante para o noso concello nos próximos cen anos”.

Ourense en Común segue manifestando o seu desconcerto polo que entenden como “falta de coordinación” entre a administración autonómica e estatal para a construción dunha Estación Intermodal que integre a alta velocidade e o servizo de autobuses actualmente emprazado no barrio do Pino.

“A verdade é que todo o que está acontecendo nesta materia é desconcertante. O concurso de adxudicación para a redacción do proxecto da estación de autobuses á empresa PROYFE S.L. foi convocado sen saber aínda como será a futura estación. Como vai ser posible logo falar dunha intermodalidade real e efectiva?”

A organización municipalista segue solicitando que unha actuación da magnitude como a pretendida se desenvolva de modo coordinado, primando en escala a superación da fenda histórica que supón a vía do tren entre barrios e logo o deseño dunha infraestrutura que permita un intercambio cómodo entre medios de transporte: tren e autobús, entre outros.

“O encargo para a elaboración dun proxecto para a nova estación de autobuses sen coñecer como será o desenvolvemento do ámbito condicionará calquera actuación complementaria. Intervencións urbanísticas tan importantes como superar a fenda histórica de separación entre barrios provocada polas vías de tren”.

Sobre a propia estación, Ourense en Común advirte que non apoiará ningunha infraestrutura que non contemple a intermodalidade real e efectiva entre os diferentes medios de transporte: autobuses interurbanos, área metropolitana e transporte urbano, así como co resto de liñas de ferrocarril de proximidade.

“Se a inversión autonómica non vai servir para dar resposta á demanda colectiva sobre a necesidade dunha estación que achegue barrios divididos e prime a utilidade é mellor que non a fagan e orienten a partida de cara a outras necesidades. Pois o que se pretende non é intermodalidade. Poderá servir como reclamo electoral do Partido Popular a poucos meses dunha cita electoral, pero será un fraude para a cidade de Ourense e para os ourensáns que perderán unha oportunidade histórica de rexeneración urbana”.