OUeC chama ao PSdeG-PSOE a facer cidade e abandonar estratexias políticas
20 Xaneiro, 2016
0

O grupo municipal Ourense en Común apunta que as declaracións difundidas a medios polo Grupo Municipal Socialista forman parte da mesma estratexia política que pretende xerar o contexto apropiado para unha moción de censura.

 

  • “Dende o mes de setembro vimos advertindo un incumprimento do prego de condicións do servizo de axuda no fogar e incluso presentamos unha moción para constituír unha comisión de investigación da empresa concesionaria que Partido Socialista e Partido Popular votaron en contra”. Así é que a organización municipalista Ourense en Común amosa a súa indignación coas declaracións do grupo socialista ao entender que entran en contradición coas súas accións. “Sumámonos á reprobación da acción de goberno do Partido Popular en materia de servizos sociais, pois acumúlanse conflitos e irregularidades xa dende a anterior corporación, pero se o Partido Socialista quere traballar por esta cidade nesta área debería comezar por apoiar a constitución daquela comisión de investigación”.

 

  • As irregularidades apuntadas por Ourense en Común, e polas que solicitaban a constitución daquela comisión de investigación votada en contra polo Partido Popular e Partido Socialista, refírense á empresa Seralia S.A. responsable do servizo de Axuda no Fogar actualmente cun ERTE desestimado pola autoridade laboral competente e que segundo eles “pode estar a incumprir varios dos artigos das cláusulas administrativas, nomeadamente o artigo 24 de obrigacións do contratista durante a execución do contrato e o artigo 25 de obrigas laborais do contratista”.

 

  • Diferentes empresas pasaron ao longo dos últimos anos por estes servizos e ningunha estivo exenta de dúbidas na súa actividade. De feito a adxudicataria Troncoso, cunha investigación aínda en trámite iniciada polo xuíz Antonio Piña, implicou á anterior xestión do PSOE. Na mesma liña destaca Fomento de Servicios Sociosanitarios que a anterior concelleira, Marga Martín, desatendeu ao non escoitar as demandas das traballadoras (non cobrar por horas efectivas de traballo) e á que o interventor municipal chegou a sinalar como xestión irregular.

 

  • Dende Ourense en Común concordan con que “a xestión da Concellería de Benestar está sendo moi deficiente, neste servizo de Axuda no Fogar e noutros servizos e proxectos que non mostran ningún avance, nomeadamete a Canceira Municipal, a ordenanza de protección animal, a prestación a persoas en risco de pobreza ou exclusión social dentro do programa Ourense Integra, etc. Malia a todo o anterior entenden que “o Partido Socialista unicamente orquestra esta posta en escena de cara a medios de comunicación cun fin estratéxico de xeración de contexto. A súa denuncia dista moito da súa actividade diaria nos momentos transcendentes como as votacións en pleno ou na súa actividade nas xuntas de área que poden consultarse nas actas”.