OUeC denuncia irregularidades na concesión do matadoiro municipal
16 Xaneiro, 2016
0

Ourense en Común observa con preocupación grandes diferenzas desfavorables para a institución municipal nos recontos de cabezas de gando realizados pola concesionaria Matadero de Ourense S.L.

Ourense en Común entende que unha das súas principais encomendas na corporación é a de fiscalización e control da actividade municipal. Razón pola que solicitou no pleno do venres 8 de xaneiro a constitución dunha comisión informativa sobre as principais concesións municipais. Unha moción votada en contra polo Partido Popular e Partido Socialista, coa abstención de Democracia Ourensana.

A proposta defendida en pleno por Ourense en Común pretendía constituír un foro de debate e análise para actuar coa maior dilixencia nunha área de goberno nodal no que a transparencia e loita contra a corrupción se refire: as concesións municipais.

A negativa de Partido Popular e PSOE a xerar ese espazo para avaliar a execución pasada, presente e futura das distintas concesións municipais, obriga a un esforzo extra dos edís de Ourense en Común para ter acceso a expedientes, contratos, inventarios e outra documentación. Malia a estas dificultades analizáronse xa varias concesións de servizos municipais, entre elas á referida ao matadoiro municipal, concesión cedida á Sociedade Limitada Matadero Ourense.

Segundo a información recollida, a actividade da concesionaria municipal no servizo de matadoiro precisa de forma complementaria da presenza de persoal funcionario do Concello de Ourense. A súa labor enmárcase no control da báscula de pesado para evitar calquera tipo de anomalía ou irregularidade. Así é que a empresa Sociedade Limitada Matadero de Ourense debe aboar unhas taxas que varían en función das cabezas de gando sacrificadas.

Unha vez analizada unha pequena mostra desta actividade, segundo datos facilitados pola Concellería de Comercio,  comparada cos listados de control de sacrificio regulamentario que tamén exerce o persoal funcionario responsable da área de Sanidade; evidéncianse grandes diferenzas en favor da concesionaria e en detrimento dos intereses da institución local. Razón pola que o grupo municipal Ourense en Común instará ao equipo de goberno do Partido Popular a realizar as comprobacións oportunas e, novamente, á necesaria constitución dunha comisión de seguimento e control sobre as concesións municipais.

1

2