OUeC insta ao PP a convocar con carácter monográfico, extraordinario e de urxencia a Mesa de Taballo Municipal de Mobilidade para adoptar medidas contra os atropelos na cidade
12 Xaneiro, 2016
0

Ourense en Común entregará a primeira hora de mañá mércores por rexistro unha instancia dirixida á Alcaldía – Presidencia para convocar con carácter monográfico, extraordinario e de urxencia a Mesa de Taballo Municipal de Mobilidade para avaliar propostas de medidas urxentes de prevención de atropelos no Concello de Ourense.

  • Con data 08/01/2016, no pleno ordinario do mes de Xaneiro do Concello de Ourense, no seu punto da orde do día 4.3., acordouse a instalación de redutores de velocidade na Estrada da Granxa e na Rúa Marcelo Macías como medida disuasoria para evitar accidentes. Medidas que se ben poden axudar nesas áreas de actuación non garanten a solución do problema, pois a dispersión xeográfica dos atropelos repártese sen un patrón definido por toda a cidade de Ourense: estrada de Seixalbo, Saínza, Pena Corneira, Av. Habana, na Rúa Picasso e en moitos outros lugares.

 

  • Os datos aportados polo Plan de Mobilidade Urbana Sustentable do Concello de Ourense amosan que detrás dos accidentes citados existe un problema estrutural que debe ser analizado e solucionado en multitude de frontes coa participación de todos os colectivos e técnicos responsables: transporte público, fomento de medios de mobilidade alternativa mediante carril bici, aparcamentos disuasorios, zonas 30 e pacificación de rúas, pasos elevados, etc. Medidas que deberán ser debatidas e aprobadas no foro oportuno constituído para tal (Mesa de Mobilidade) e que ten a súa próxima convocatoria no mes de febreiro deste ano en curso cunha orde do día xa pechada: 1. Melloras PMUS, 2. Transporte Público, 3. Carril Bici.

 

  • No pleno do 08/01/2016 quedou en evidencia a concordancia de todos os grupos municipais presentes na actual corporación en tomar medidas urxentes para frear o elevado número de atropelos, en calquera parte da cidade. Un tipo de accidentes que ten elevado a súa incidencia no último mes cun atropelo cada dous días segundo datos dos diferentes medios de comunicación locais. Razón pola que Ourense en Común presentará por rexistro unha instancia dirixida á Alcaldía – Presidencia para a convocatoria con carácter monográfico, extraordinario e de urxencia da Mesa de Taballo Municipal de Mobilidade cun único punto na orde do día:
    Propostas de medidas urxentes de prevención de atropelos no Concello de Ourense

 

  • Dende Ourense en Común entendemos que esta convocatoria non deberá anular a prevista para o mes de febreiro e seguintes, xa que estas deberán abordar dende un punto de vista estrutural a complexidade da problemática.

 

Consultade nesta ligazón as nosas propostas en materia de mobilidade:
http://ourenseencomun.info/programa-participativo/territorio/