OUeC pide ao goberno que interveña ante as deficiencias da contrata da limpeza de zonas verdes
15 Xuño, 2018
0
• A precariedade de medios e os recortes en persoal da adxudicataria levan ás zonas verdes da cidade a un “caos medioambiental”.
• As 15 traballadoras da plantilla “son insuficientes” para asumir a limpeza dos máis de 400.000 metros cadrados que teñen encomendados.
• O servizo leva 100.000 metros cadrados máis que no contrato anterior, con seis operarios menos.
• A oferta para facerse coa adxudicación do servizo realizouse ao límite da baixa temeraria.

    Ourense en Común manifestaba esta mañá o seu apoio ás reivindicacións da plantilla da empresa  que asume a limpeza de zonas verdes da cidade, e pide ao goberno intervir para “garantir a prestación do servizo en condicións dignas de traballo e con medios axeitados e suficientes”.

    O grupo denuncia que o concurso foi adxudicado “ao límite da baixa temeraria, e que a empresa incumpre o prego reiteradamente, por tratar de prestar o servizo sen medios, e sen ampliar a plantilla, malia a que se incrementou en 100.000 metros cuadrados a superficie a limpar con respecto ao contrato anterior, en que se contaba con seis operarios máis.

    As traballadoras mobilizábanse hoxe ás portas do Concello por segundo venres consecutivo, reclamando ser escoitadas polo goberno e defendendo a limpeza axeitada dos parques e zonas verdes da cidade. “A plantilla quere facer ben o seu traballo, pero as condicións da empresa fano imposible, o Concello non media, e as consecuencias son palpables en toda a cidade, que parece unha selva”, explica Montserrat Valencia, edil do grupo, que xunto con Miguel Doval, se reunía o pasado mércores cos representantes da plantilla.

    Como xa explicara en outras ocasións, Ourense en Común defende a necesidade de revisar e facer seguimentodesde o Concello do cumprimento dos contratos asinados, denuncian a “permisividade” do goberno coas “reiteradas irregularidades das empresas” e esixen ao equipo de Jesús Vázquez que “garanta que os servizos se presten atendendo ao interese público”.