OUeC prosegue o seu achegamento do PXOM aos barrios
14 Marzo, 2016
0

Ourense en Común convoca hoxe luns á Asociación de Veciños de Santa Mariña para achegar o modelo de cidade pretendida polo PXOM, responder ás dúbidas veciñais e informar de primeira man sobre o estado de aprobación do documento.     

Nas dúas semanas anteriores realizáronse encontros nas zonas da Carballeira, Camelias, Polvorín, Seixalbo, Cuña, Mariñamansa e Montealegre.   

As principais dúbidas dos veciños concéntranse no impacto da chegada da alta velocidade, a denominada “Ronda Bulevar” e a falta de resposta personalizada ás alegacións presentadas.

 

O grupo municipal Ourense en Común comezou o luns 29 de febreiro un roteiro por todos os barrios do Concello de Ourense. Neste tempo os concelleiros Martiño Xosé Vázquez e Miguel Doval, xunto coa labor de case unha decena de persoas voluntarias para a coordinación dos eventos, achegaron o documento a zonas como a Carballeira, Camelias, Polvorín, Seixalbo, Cuña, Mariñamansa e Montealegre. Hoxe luns 14 de marzo é a quenda de Santa Mariña e Cumial. A cita será ás 20h na Asociación de Veciños de Santa Mariña.

“O noso obxectivo é visitar semanalmente dúas zonas do Concello de Ourense para transmitir o modelo de cidade pretendida polo novo PXOM, responder as posibles dúbidas existentes e informar en primeira man á veciñanza do estado de aprobación do documento. Acción que debería partir do propio equipo de goberno do Partido Popular para facer este documento o máis estable, transparente e participado posible. Pois ninguén debería querer volver a cometer erros pasados como o seu propio PXOM tombado pola xustiza.”

Dende Ourense en Común insisten en que este PXOM non é o que houberan desexado pois consideran deficiente a coñecida como Fase de Avance na que o equipo redactor recolle impresións, suxestións e demandas veciñais. Carencia que teñen comprobado nestes mesmos encontros nos barrios.

Hai un claro descoñecemento entre a veciñanza de que cidade se pretende con este plan. Os veciños de Seixalbo ou A Cuña non son consciente das posibilidades da liberación do corredor ferroviario coa chegada da alta velocidade, os veciños do Polvorín, Camelias ou Carballeira non foron informados do por que sería necesario un desdobre tipo Ronda Bulevar e ninguén explicoulle aos veciños do Montealegre porque é necesario un plan especial na zona ou que solución se aporta no plan ao problema de accesibilidade ao Parque Botánico.

Igualmente, algo gravísimo é que non exista vontade por parte do equipo de goberno de comunicar persoalmente o resultado motivado das alegacións. Somos nós os que estamos facendo un traballo de mediación entre veciños e Concello de Ourense, función que non nos corresponde nin estamos cualificados para tal pero que seguiremos facendo namentres o Partido Popular non se responsabilice”.  

AUDIO concelleiro Martiño Xosé Vázquez Mato