OUeC sinala as contradicións da ordenanza para a xestión de vivendas de emerxencia social proposta polo Partido Popular
14 Marzo, 2016
0

O grupo municipal Ourense en Común presentou 9 emendas ao borrador da ordenanza para a xestión de vivendas de emerxencia social.

Tralo debate de dúas xornadas monográficas con diferentes colectivos sociais do Concello de Ourense especialmente sensibilizados en materia de vivenda e emerxencia social como a propia Plataforma Stop Desafiuzamentos, entre outras, OUeC presentou nove emendas ao borrador da ordenanza de vivendas de emerxencia social. O obxectivo apuntan é sempre mellorar ese documento e non confrontar politicamente nun tema tan sensible e que afecta a un dereito básico como é a vivenda.

Entre as emendas presentadas destaca unha de substitución á totalidade. Esta enmárcase dentro da parte da exposición de motivos pois apuntan que “se partimos dunha exposición de motivos errada estaremos condicionando toda a ordenanza. Así é que evidénciase un claro enfoque dende os principios da política social asistencialista, namentres o que a mesa de debate con colectivos coñecedores da problemática demandaba era a necesidade de virar ese prisma cara  a protección de dereitos fundamentais, tal e como se recolle na lexislación, na Constitución e en múltiples Declaracións Internacionais”.

Precisamente nesta liña de protección de dereitos, o grupo municipal OUeC presentaba outra emenda de modificación para que os gastos no subministro de luz, auga e calefacción, sexan asumidos polo Concello. Así é que entenden “ilóxico ofertar tres vivendas para situacións de emerxencia social, nas que un dos requisitos para ser persoa beneficiaria é demostrar a imposibilidade de facer fronte ao pago dunha vivenda, pero pola contra teñas que pagar os gastos que unha vivenda en condicións dignas require”.

Outras modificacións importantes refírense aos prazos de estancia nas propias vivendas. Así a mesa de debate organizada por Ourense en Común propón eliminar os prazos de estancia máxima e que sexan as traballadoras e educadoras sociais, a través de proxectos de inserción social e laboral, as que valoren cando unha familia ou persoa están preparadas para continuar coa súa vida fora das vivendas municipais.

AUDIO concelleira Ledicia Piñeiro