OUeC solicitará en pleno nomear unha praza “Pobre Asunción” como símbolo contra a violencia machista
8 Marzo, 2017
0
  • Asunción González, asasinada o 28 de abril de 1891, foi a primeira vítima por violencia machista declarada e documentada en Ourense.
  • Ourense en Común proporá no pleno do mes de abril nomear unha praza co nome co que foi recordada (Pobre Asunción) como símbolo contra os asasinatos machistas e en recoñecemento a todas as mulleres historicamente sometidas a violencia patriarcal.
  • A iniciativa presentada por Ourense en Común pretende abrir á participación co obxectivo de recoller máis propostas de mulleres relevantes para todas as prazas sen nome propio no municipio (Praza 100, 200, 500 ou 1000).

 

Ourense, 8 de marzo de 2017

Ourense en Común presentará no próximo pleno ordinario do mes de abril unha iniciativa coa que se pretende nomear unha praza Pobre Asunción, o nome co que pasou a historia Asunción González, a primeira vítima por violencia machista declarada e documentada en Ourense.

“Pretendemos visibilizar unha das lacras da nosa sociedade. Dende que comezou o ano 2017 foron asasinadas decenas de mulleres por violencia machista. A proposta de nomear unha praza a Asunción González non lles devolverá a vida pero é un símbolo que nos lembrará cada día a todas esas mulleres historicamente sometidas á violencia patriarcal, afirma a concelleira de Ourense en Común Ledicia Piñeiro.

A proposta do grupo municipalista OUeC pretende abrir en paralelo un proceso de participación veciñal co obxectivo de recoller todas as propostas posibles de mulleres importantes da historia local. “Será un modo de saldar unha débeda histórica con moitas mulleres que en Ourense e no mundo foron invisibles a ollos dunha sociedade masculina que arrinconaba o feminino sempre á esfera do privado”.

Entre outras propostas a edil Ledicia Piñeiro chama a atención por exemplo da pontina Delia Delso, mestra represaliada que podería humanizar a hoxe Praza 200 no barrio do Pino, ou Esperanza Martín Borrajo, pedánea e activista veciñal con forte compromiso co barrio de Covadonga que de seguro tería un maior recoñecemento social que a hoxe Praza 100.

“Son moitos os nomes de mulleres que recoñecer en lugar dos impersoais números ou letras presentes no rueiro de Ourense. Ademais deberán ser as propias veciñas as que fagan chegar as propostas ao concello con máis nomes propios ou xenéricos, ao fin de contas delas son tamén as rúas e as prazas. Non tería sequera porque facer mención a unha muller en concreto, por exemplo para a praza 1000 na estrada de Barra de Miño unha idea podería ser Praza das Rianxeiras, pois sabemos que desta zona proviñan moitas delas e sería recoñecer tamén o seu traballo silenciado”, afirma a concelleira de Ourense en Común Ledicia Piñeiro.

 

ESCOITA O AUDIO DA CONCELLEIRA LEDICIA PIÑEIRO AQUÍ.