OUeC solicitará no pleno que se concedan todas as axudas escolares
24 Outubro, 2017
0
• Os recortes e a mala xestión do PP na área social deixan fóra a máis de 200 familias que reúnen os requisitos para recibir estas axudas.
• Sofía Godoy, a edil responsable de Benestar Social, non compareceu á metade das Xuntas da súa área no último mes.
• Arredor de 100.000€ serían suficientes para cubrir o 100% da demanda, “a metade do sobrecuste en persoal que consume o Partido Popular no Concello”.

    Ourense en Común avanzaba hoxe que procurará no pleno de novembro que o goberno de Jesús Vázquez corrixa a neglixencia” de deixar fóra das axudas para comedores escolares e libros de texto ao 30% de familias que o precisan, criticando a incapacidade evidente” da concelleira responsable das áreas sociais, Sofía Godoy, que está xenerando unha situación de “grave incertidume” para o correcto desenvolvemento do curso escolar de 200 nenos e nenas de Ourense.

    Das 726 familias solicitantes que reúnen os requisitos para acceder ás axudas, 3 de cada 10 quedaron nunha “lista de agarda incerta que fai prever que nunca recibirán esa achega económica”.

    Ledicia Piñeiro, de Ourense en Común, manifesta que intentou interpelar á edil responsable sobre como están afrontando o curso esas familias, ou as medidas que pensa adoptar o Concello para paliar as posibles incidencias que se estean dando, pero aclara que é “imposible con Sofía Godoy, que reiteradamente se ausenta de comparecer nas xuntas de área dos martes nas últimas semanas”.

    O grupo estima en pouco máis de 100.000 € o crédito necesario para cubrir o 100% da demanda destas axudas, unha cantidade “que se corresponde co recorte que fixo o PP nesta partida desde que chegou ao goberno, 100.000 € que non sabemos a onde foron a parar”.

    Perante esta situación, Ourense en Común prepara unha moción que levará ao pleno de novembro, solicitando que a través da figura da modificación de crédito se elimine o “sinsentido” da lista de agarda nestas axudas, de forma que todas as familias que reúnen os requisitos poidan acceder a un “recurso fundamental para os membros máis vulnerables da unidade familiar, os menores”.