OUeC traslada as demandas de Ourense ás deputadas por En Marea no Congreso
9 Outubro, 2017
0
•   O Museo Arqueolóxico, a prórroga da Praza de Abastos ou a execución da variante exterior vencellada á chegada do AVE, centraron a xuntanza de traballo.

    As deputadas no Congreso, Yolanda Díaz, Alexandra Fernández e Antón Gómez-Reino, mantiveron este luns unha xuntanza de traballo coas tres concelleiras de Ourense en Común, na que se  abordaron cuestións referidas ao Museo Arqueolóxico, a Praza de Abastos ou a variante exterior vencellada á chegada do AVE.

    Con esta visita á capital das Burgas, En Marea continúa a xira coa que as deputadas están percorrendo o país, “queremos recoller de primeira man as aportacións que nos fagan as compañeiras de Ourense en Común e trasladar ás Cortes os problemas da cidadanía ourensá”, explicou Yolanda Díaz, que lembrou que nos últimos orzamentos do estado, En Marea presentou máis de 300 emendas para todo o país.

    A voceira de En Marea, xunto a Martiño X. Vázquez, voceiro de OUeC no Concello de Ourense, declaraban que “nesta mesa de traballo reivindicamos a apertura do Museo Arqueolóxico provincial, que agora queda na man do Ministerio para acometer as obras”.

    Vázquez avaliaba tamén como fundamental” a actuación en materia de integración da Alta Velocidade en Ourense, e criticou que “cando o ministro se refería a que a variante exterior supoñía un aforro de 5 minutos para Madrid, deixaba claro que non lle importaba o impacto no noso concello”. O edil explicaba que “para Ourense supón suturar unha ferida, é necesaria esa variante”, e apelou tamén ao sentidiño” en referencia á Estación Intermodal, para que “se faga unha estación útil e efectiva para os ourensáns e ourensás”.

    Sobre esta cuestión, En Marea leva rexistradas varias iniciativas parlamentares de control e seguimento ao Ministerio de Fomento, que en ningún momento concreta prazos nin horizontes sobre a variante, o cal fai temer “que a insistencia na solución temporal se acabe convertendo na solución definitiva, algo que sería unha moi mala noticia para Ourense”.

    Ademais, as deputadas e concelleiras falaron da cuestión que atinxe á rehabilitación da Praza de Abastos nº1, xa que “no último pleno quedou demostrado que aínda non existe a prórroga e que o concello vai ter que afrontar a obra ao 100% se non se consigue”, polo que será unha das preguntas que En Marea trasladará ao Congreso “ante a falta de información por parte do alcalde de Ourense.