Ourense acolle a presentación de ‘Camilo, o último guerrilleiro de Galicia’
14 Novembro, 2016
0
•    O documental proxectarase mañá martes, ás 20h, no Espazo en Común (As Burgas, 8).
•    Camilo de Dios é a última testemuña viva en Galicia da guerrilla antifranquista.
•    O traballo recupera a historia de milleiros de homes e mulleres que loitaron pola xustiza e a liberdade.

    O Espazo en Común acollerá mañá a presentación en Ourense do documental “Camilo, o último guerrilleiro de Galicia” que recolle o testemuño vivo de Camilo de Dios, de 84 anos e residente na actualidade en Sandiás, que se integrou na guerrilla con 15 anos e sobreviviu á fame, á miseria e ás malleiras, ás vexacións e humillacións á súa familia tras o estalido da Guerra Civil, e á incerteza durante máis de seis décadas de non saber onde xacía o corpo do seu irmán, abatido en maio de 1950.

    A través da historia de Camilo, o traballo recupera a memoria da guerrilla antifranquista, dando voz a aquelas e aqueles que coma el, arriscaron todo pola xustiza e a liberdade.

    Este documental, preestreado a finais de outubro en Xinzo de Limia, é o traballo de Fin de Grao realizado por catro alumnos do Grao en Comunicación Audiovisual da Universidade da Coruña -Alba Sánchez (produtora), Juan Pirola (director de fotografía), Miguel García (guionista) e Pedro Iglesias (deseño web e gráfico)- sendo cualificado como sobresaínte polo equipo avaliador.

    Un ano e medio de traballo, 2 semanas de rodaxe e horas e horas de charla, materializados agora nesta peza de 50 minutos que os responsables presentarán por primeira vez en Ourense mañá martes, 15 de novembro, no Espazo en Común (As Burgas, 8).