Ourense afronta o verán cos recursos turísticos municipais paralizados
8 Xuño, 2017
0
• As concesións do camping de Untes, as cafeterías das zonas verdes ou o complexo turístico das Burgas non estarán listas para a tempada estival.
• Os apartamentos turísticos de As Burgas foron rematados en marzo sen que o goberno sacara aínda a súa explotación a concurso.
• O PP plantexa unha área de autocaravanas de iniciativa privada, en contra do aprobado no pleno.

    Ourense en Común alertaba hoxe de que “Ourense afronta a tempada estival cos servizos destinados ao turismo totalmente paralizados”. O grupo acusa ao “desgoberno” do Partido Popular de continuar co “camping de Untes pechado, as concesións das cafeterías de Outariz ou o Parque Miño sen sacar a concurso, ou o mantemento deficiente das zonas termais”.

    Ledicia Piñeiro fixo fincapé no complexo das Burgas, onde no mes de marzo foron rematados os traballos para acondicionar varios apartamentos turísticos, unha cafetería, unha tenda e un punto de información, “sen que o goberno teña trazas de sacar a concurso a súa explotación, polo que non chegamos xa a este verán”, conclúe.

    A edil reprocha ao equipo de Jesús Vázquez por manter un “total desleixo coa potencialidade de Ourense en materia de turismo” desde a súa chegada ao goberno, e por frear a iniciativa aprobada por unanimidade no pleno do mes de abril a petición do seu grupo, para dotar á cidade dunha área de servizo para autocaravanas, de xestión municipal, e que “agora o PP negocia cunha empresa privada”.

    Ourense en Común incide en que “o reclamo do termalismo que entende o PP non é suficiente para o turismo”, declarando que é precisa “máis dilixencia e previsión” para dotar á cidade de servizos que acollan ao turista debidamente,a oficina de turismo non abre nas tardes do fin de semana nin en festivos, xusto nos días en que máis visitas poden chegar á cidade”. Ledicia Piñeiro cuestiona secon este panoramaas visitantes quedan “con ganas de volver ou de recomendar visitar a nosa cidade”.