Ourense en Común lembra ao Partido Popular e a Democracia Ourensana que no pasado defenderon a constitución dunha mesa informativa sobre as principais concesións municipais
7 Xaneiro, 2016
0

O órgano colexiado do grupo municipal Ourense en Común decidía en asemblea apoiar as dúas propostas que  Democracia Ourensana presentará no pleno. Especialmente interesante consideran a relativa á integración dos nenos en risco de exclusión social nos servizos de deportes: “apoiamos porque é unha medida que avanza en xustiza social, un dos nosos principios fundamentais”. Con todo a organización municipalista presentou varias emendas de substitución e adición para “fixar uns compromisos e responsabilidades concretas e que non quede só en boas palabras”.

 

Apoio con matices será a opción de voto de Ourense en Común para a primeira das tres mocións presentadas polo PSdeG-PSOE. “Concordamos na necesidade de pacificar o tráfico na estrada da Granxa, pero non pode ser unha actuación illada. Os atropelos dos últimos días en Ourense evidencian de novo a necesidade dun plan estratéxico de mobilidade porque o mesmo problema está presente na estrada de Seixalbo, en Marcelo Macías, na Avenida de Santiago, etc.”. Instando a construír este plan de acción dende a Mesa da Mobilidade con representación de todos os grupos e axentes sociais do Concello de Ourense.

 

Emenda e abstención nas mocións do PSdeG-PSOE sobre o plan estratéxico do AVE e cesión do local da unidade de saúde mental da Ponte para uso veciñal. Na primeira afirman que a súa emenda derívase da necesidade de que “na redacción dese plan debemos participar todos, incluída a veciñanza, pois estamos perante unha infraestrutura dun grande impacto no concello”. Namentres que no caso do local da Ponte consideran que “o barrio, a diferencia de moitos outros de Ourense, ten unha boa dotación de espazos para uso veciñal: centro cívico, espazo Lusquiños, a nova biblioteca e ludoteca, etc.”, apostando así por “avanzar previamente nun estudo das necesidades reais do barrio que se cadra non pasa só por un aumento de equipamentos”.