Ourense en Común pide valentía ao Partido Popular para afrontar unha reforma estrutural da mobilidade urbana contra os atropelos
15 Xaneiro, 2016
0

Ourense en Común recibe con decepción os acordos derivados da mesa de traballo en materia de seguridade viaria celebrada onte no Concello de Ourense por entender que todas as propostas presentadas concéntranse na sanción e non afrontan o problema real.

As medidas propostas polo Partido Popular, radares e sancións, non afrontan o problema estrutural que a cidade de Ourense ten en materia de mobilidade. Dende Ourense en Común botamos en falta un cronograma de actuacións específicas orientado á progresiva pacificación do tráfico. Obxectivo que debería situarse no centro de calquera acción neste campo.

Trátanse por igual a peóns e vehículos motorizados, chegando incluso a presentar a posibilidade de sancionar tamén aos peóns. Dende Ourense en Común comprendemos a cidade como un espazo de convivencia para as persoas, as cales deben situarse no centro da acción de goberno. Así é que calquera proposta debe ir orientada a mellorar as súas condicións de vida, en seguridade viaria pero tamén ambiental, acústica, etc. Razón pola que regular en base a unha condición de iguais peóns e vehículos é un erro de valoración moi grave que afasta por completo ao Concello de Ourense do ideal de cidade saudable proposto.

Das medidas presentadas onte polo Partido Popular as únicas que recibimos con esperanza son as ligadas a un compromiso orzamentario para abordar accións estruturais na instalación de pasos elevados, bandas redutoras e medidas semellantes. Con todo estas accións deben ter claro cal é o seu fin, a pacificación do tráfico motorizado na cidade, e ir acompañadas doutras moitas nunha estratexia conxunta en materia de mobilidade.

Dende Ourense en Común seguimos instando ao Partido Popular a convocar con carácter monográfico, extraordinario e de urxencia a Mesa de Traballo Municipal de Mobilidade para avaliar todas estas propostas e medidas urxentes de prevención de atropelos.