Ourense en Común presentará tres mocións mañá no Pleno do concello
7 Xaneiro, 2016
0

Ourense en Común presentará maña no Pleno tres mocións: unha sobre a remunicipalización dos servizos municipais, outra sobre a participación do concello nunha cooperativa de enerxía renovable e a última, sobre a regularización das actividades nas rúas da cidade.

 

Ourense en Común solicitará no pleno a constitución dunha comisión informativa sobre as principais concesións municipais e a creación dun grupo de traballo que estude, tendo en conta a actual lexislación, a posibilidade de recuperación paulatina de servizos municipais. Transcorreron seis meses dende a constitución da actual corporación acumulando preguntas sen resposta. Que acontece coa axuda no fogar, co transporte público, cos paneis publicitarios, coa flota de bicicletas de aluguer, o servizo wifi e moitas outras .

O grupo municipal Ourense en Común xustifica a moción presentada pois “pouca ou ningunha información temos a maiores que calquera veciña de Ourense, e así faise moi complicado exercer unha correcta labor de oposición e control de goberno. OUeC pretende rachar co escurantismo dunha área de goberno nodal no que a transparencia e loita contra a corrupción se refire. Así é que xa fora presentada unha moción semellante no ano 2014 polo Bloque Nacionalista Galego e malia a ser aprobada en pleno nunca chegou a materializarse.

 

A segunda das mocións que presentará Ourense en Común versa sobre o compromiso do Concello de Ourense no avance cara a eficiencia enerxética mediante a participación nun proxecto de enerxía limpa e renovable. No pleno do pasado mes de decembro o equipo de goberno asumiu unha serie de compromisos para loitar contra o cambio climático que deben agora materializarse. Moitas son as vantaxes de avanzar cara a eficiencia enerxética mediante a contratación de enerxía limpa e renovable, e neste caso da participación en proxectos como Nosa Enerxía. Entre elas Ourense en Común destaca o consumo de enerxía eléctrica de orixe renovable certificada, promover o emprego local mediante fórmulas de Economía Social, participar da posta en marcha de futuros proxectos de enerxía renovable coa importante implantación local que isto ten en Ourense por mor da súa riqueza xeotérmica, defender a natureza e o desenvolvemento local.

 

E, por último, Ourense en Común solicitará no pleno que o Concello de Ourense avance na redacción dunha normativa específica que regule as actividades en rúa protexendo a convivencia harmónica da veciñanza coa libre expresión artística. O Observatorio para a defensa de dereitos e liberdades (ESCULCA) ten presentado un escrito no rexistro do Concello de Ourense pedindo explicacións polas actuacións da Policía Local na Rúa do Paseo o 23 de decembro do pasado ano 2015. Neste indícase que “varias persoas que teñen como actividade á de músicos de rúa (…) foron requiridos polo Policía Local a abandonar a devandita localización” por non dispoñer de licenza municipal para esta práctica.

Permiso inexistente no Concello de Ourense que motivou o requirimento de variada documentación por parte deste observatorio. Para Ourense en Común “as actuacións musicais e escénicas de rúa, mimos, prestidixitadores, etc. responden a unha realidade cultural diferente doutro tipo de expresións de ocupación da vía pública” polo que argumentan que non pode estar enmarcada dentro da Normativa Municipal de Ocupación de Vía Pública e demandan a redacción dunha nova ordenanza.