Ourense en Común publica na súa web as actas das xuntas de área e dos consellos municipais do concello de Ourense
14 Outubro, 2015
0

En base ao principio de transparencia que Ourense en Común promove dentro e fora do concello, a web do grupo vén de publicar un novo apartado no que calquera persoa interesada poderá consultar as actas das xuntas de área ou dos consellos municipais aos que os concelleiros e a concelleira de OUeC asisten como representantes municipais.

 

As xuntas de área véñen reguladas no artigo 128 e seguintes do Regulamento orgánico de goberno e organización do concello e nelas dáse conta das diferentes cuestións plantexadas polos concelleiros ao grupo de goberno municipal co fin de facer unha política participativa e resolutiva en cuestións que poden afectar a toda a cidadanía.

 

Son seis as xuntas de área nas que se traballa desde o concello: Facenda, Persoal e Servizos xerais; Economía, Emprego e Comercio; Urbanismo e Vivenda; Infraestruturas, Medio ambiente, Participación Cidadá; Cultura, Educación, Turismo e Termalismo; e, Benestar social.

 

Cada concelleiro de OUeC ten atribuida a asistencia a dúas xuntas de área celebradas todos os martes. E así, a concelleira Ledicia Piñeiro asiste á xunta de Cultura, Educación, Turismo e Termalismo onde se tratan diversas temáticas como a universidade, as escolas infantís ou o mantemento dos centros educativos; a normalización linguística ou os festivais e museos; e, Benestar social, con asuntos tan sensibles como son os servizos sociais comunitarios ou o fogar do transeúnte ou a xestión dos centros cívicos da cidade, a protectora de animais, os CIMM ou a casa da xuventude.

 

Pola parte do concelleiro Martiño X. Vázquez, están as áreas de Facenda, Persoal e Servizos xerais, con asuntos da índole como son os fondos europeos, o comercio ou a xestión orzamentaria do concello e, Urbanismo e Vivenda, onde se trata a xestión urbanística, as licenzas ou o patrimonio municipal.

 

Finalmente, o concelleiro Miguel Doval asiste as áreas de Economía, Emprego e Comercio, onde priman os asuntos sobre promoción económica, industria, emprego, participación en feiras ou xestión de edificios municipais, entre outros; e á de Infraestruturas, Medio ambiente, Participación Cidadá, isto é, mobiliario urbano, augas, saneamento, servizos eléctricos calidade ambiental e sustentabilidade, parques ou xardíns e transporte público.

 

Tamén se publican as actas dos Consellos municipais ás que igualmente asiste OUeC. Actualmente só fai convocatoria de reunións o Consello Municipal de Deportes estando pendente da primeira convocatoria deste goberno do Consello Municipal de Cultura.

 

En todo caso, o denominador común en case todas estas xuntas e consellos é a incapacidade do actual goberno local para proporcionar a información que se lle solicita en tempo e forma e á que legalmente temos dereito tal e como indica o artigo 9 e seguintes do Regulamento do concello e tal e como recentemente se denunciou publicamente. Enlace á nova de La Voz de Galicia.

 

Pódense consultar as actas premendo aquí.