Ourense convértese mañá na capital galega do municipalismo
17 Novembro, 2017
0
• O encontro #HaiMareas18N recibe este sábado en Ourense a un cento de persoas que traballan a diario poñendo aos concellos ao servizo da veciñanza.
• Os alcaldes de Compostela e A Coruña participarán en diferentes actos da xornada.
• Tres mesas de traballo e tres palestras abertas ao público conforman a programación do encontro.

    Ourense en Común reúne mañá na nosa cidade a un cento de persoas das mareas galegas, nun encontro aberto de “traballo común e intelixencia colectiva que se celebrará en diferentes espazos da cidade ao longo de toda a xornada, co obxectivo de “partillar ferramentas e experiencias, e deseñar un horizonte que en 2019 mude a forma de facer política local”. 

    A programación inclúe tres mesas de traballo simultáneas durante a mañá, sobre participación cidadá, metodoloxías de traballo e vida institucional, para as que o aforo está xa completo, e outras tantas palestras abertas no Salón de actos da Biblioteca Pública desde as catro e media da tarde, nas que as veciñas e veciños de Ourense terán a “oportunidade de comprobar de primeira man como é posible realizar unha política sostible, poñendo no centro ás persoas e as súas necesidades, e non ao servizo dos servizos financieiros como quere impoñer o Partido Popular”.

    Ademais de concelleiras e representantes de todas as mareas galegas, está confirmada a presenza na xornada dos alcaldes de Compostela e A Coruña, os nomeados como “alcaldes do cambio en Galicia”, Martiño Noriega (Compostela Aberta) e Xulio Ferreiro (Marea Atlántica).

    O #HaiMareas18N xurde como iniciativa de Ourense en Común, coa “vontade de facilitar un espazo de debate e análise compartidado camiño percorrido polo municipalismo galego ata o día de hoxe e para “valorar os desafíos e oportunidades aos que o movemento municipalista se enfrenta de cara ao 2019”.